Gómez Besteiro realiza unha visita institucional ao Concello de Cambados

O delegado do Goberno foi recibido polo alcalde, Samuel Lago, e outros membros do ente local, nunha mañá na que percorreron as inmediacións do mercado ambulante da localidade
Carmela Silva, Samuel Lago, José Ramón Gómez Besteito e Maica Larriba. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Carmela Silva, Samuel Lago, José Ramón Gómez Besteito e Maica Larriba en Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O alcalde de Cambados, Samuel Lago, recibiu na mañá deste sábado ao delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, na que foi a primeira visita institucional que o representante estatal realiza a un municipio da comarca de Arousa.

O rexedor recibiu na Casa Consistorial ao delegado, que acudiu acompañado da subdelegada na provincia Maica Larriba e da presidenta da Deputación Carmela Silva.

Durante o encontro, ademáis de expresar o compromiso de cooperación institucional, o alcalde e o delegado abordaron actuacións de colaboración entre ambas administracións. Entre elas, impulsar ante Costas o Plan Especial de Portos que permitirá a consecución da reforma da praza de abastos.

Por iso, o delegado, guiado por Lago, puido coñecer de preto a contorna da praza durante unha visita ao interior das instalacións e aos postos do mercado ambulante.

Ao longo do percorrido, Lago e Besteiro tiveron oportunidade de conversar con vendedoras da praza e coa veciñanza que hoxe facía as súas compras nos postos de peixe e no tradicional mercado dos sábados.