Bodegas Chaves gaña o certame da XXVI edición da Festa do Albariño en Mallorca

O alcalde Samuel Lago asistiu ao evento en Palma, organizado en colaboración co Concello, coa presencia de corenta adegas da DO Rías Baixas
Samuel Lago durante su visita a Mallorca para la XXVI edición da Festa do Viño Albariño D.O Rías Baixas. DS
photo_camera Samuel Lago durante su visita a Mallorca. DS

O alcalde de Cambados, Samuel Lago, asistiu este xoves en Palma á XXVI edición da Festa do Viño Albariño D.O Rías Baixas en Mallorca. O evento, que conta coa colaboración do Concello de Cambados, con gran asistencia de público, reuniu a máis de sesenta viños albariños de corenta adegas das cinco subzonas: Val do Salnés, Condado de Tea, O Rosal, Soutomaior e Ribeira do Ulla.

O certame tivo lugar na tarde deste xoves no Real Club Náutico de Palma, coa presencia dunha ampla representación do sector hosteleiro e de prensa especializada, tanto nacional como internacional, representada esta última en medios alemáns e ingleses.

O xurado formado por membros da Escola de Sumilleres das Illas Baleares seleccionou aos tres mellores viños presentados a concurso. Nesta edición, os premiados foron Cinco Islas de Bodegas Chaves, primeiro, Martín Codax, segundo e  Señorío de Rubiós en terceiro lugar. Tras máis de dúas décadas dende a súa creación, a Festa do Viño Albariño en Mallorca converteuse nunha cita de recoñecido prestixio.

O alcalde Samuel Lago destaca "a relevancia que o certame conseguiu acadar nos últimos anos coa presencia dun importante número de adegas, o que corrobora o interese do mercado balear polos viños da D.O Rías Baixas, onde Cambados xoga un papel fundamental de difusión como capital do Albariño"

No mesmo sentido, o seu impulsor, Antonio Seijas, hoteleiro retirado e gran embaixador de Galicia nas illas mediterráneas, indica que "gracias a este evento, o albariño está introducido en Baleares tanto na súa comercialización en restauración e hoteis como a nivel particular en moitos fogares".

A Festa do Albariño en Palma naceu en 1996, cando Antonio Seijas, galego de nacemento, organizou co daquela alcalde de Cambados Santiago Tirado, a primeira edición do evento.