O alcalde Samuel Lago presidiu esta mañá a recepción que o Concello de Cambados ofreceu á atleta cambadesa Uxía Rodríguez en recoñecemento dos seus logros deportivos.
No acto institucional estiveron presentes a Concelleira de Igualdade Fátima Abal así como os edís Tino Cordal e Xurxo Charlín, ademáis dos proxenitores, familiares e a titora da deportista no IES Francisco Asorei onde estuda 1º da ESO.
O alcalde fíxolle entrega dun pin co emblema da Torre de San Sadurniño e unha escultura en cerámica da artista Mar Barral “como recoñecemento ao exemplo do teu traballo e esforzo do que dende o Concello estamos moi orgullosos”, destacou o rexedor.
A ximnasta de 12 anos conseguiu a medalla de bronce na modalidade de trampolín no Campionato do Mundo por idades celebrado o pasado novembro en Bulgaria.
A cambadesa, que milita no Clube Ximnasia Burgas, foi, ademáis, a primeira ximnasta da comarca en competir coa selección española nesta especialidade, concretamente en dobre minitramp (DMT) e tumbling.
Asimesmo, Uxía conquistou este pasado verán os títulos nacional e autonómico de dobre minitramp na categoría de 12 anos.