A colaboración da Xunta co clúster do naval permitiu en dous anos a formación de 1.195 persoas

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, visitou este venres Galventus Servizos Eólicos en Cambados, onde se están a impartir cursos de formación para traballar na reparación e mantemento de pas eólicas
Elena Rivo xunto a traballadores de Galventus Servizos Eólicos en Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Elena Rivo xunto a traballadores de Galventus Servizos Eólicos en Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, visitou este venres en Cambados Galventus Servizos Eólicos, onde se están a impartir cursos de formación para traballar na reparación e mantemento de pas eólicas. Estas accións formativas enmárcanse no convenio de colaboración que a Xunta mantén co Clúster do Naval Galego (Aclunaga) para a impartición de formación de carácter non formal, atendendo ás necesidades laborais de todos os axentes. O obxectivo desta iniciativa é dar resposta ás vacantes laborais que están a existir en diferentes sectores da economía.

A colaboración da Xunta con Aclunaga permitiu nos dous últimos anos (2022-2023) formar 1.195 alumnos grazas a un investimento de preto de 510.000 euros. Para 2024, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inviste máis de 120.000 euros en Aclunaga para seguir favorecendo a formación das galegas e dos galegos, un apoio co que se prevé a cualificación de 230 persoas.

No acto celebrado en Cambados estiveron presentes alumnos do primeiro grupo de formación organizado por Aclunaga, que finalizaron cinco accións formativas que lles permitiu adquirir as capacitacions necesarias para traballar na reparación e mantemento de pas eólicas. Ademais, visitouse o curso de elaboración de laminados plásticos tamén enfocado á reparación e mantemento de pas eólicas.

Rivo amosou o compromiso do Goberno galego de consolidar a colaboración cos clústers, destinando este ano 4,4 millóns de euros a convenios con estas entidades, apostando coa actuación por formacións de curta duración e flexibles dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas, na liña do sistema de microcredenciais polo que avoga Europa porque permite unha actualización dos coñecementos, capacidades e competencias dun xeito áxil, contribuíndo á mellora das oportunidades laborais.

Os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 destinan á área de Formación para o Emprego e Orientación máis de 232 millóns de euros, dos que máis de 117 millóns se destinan ao novo Plan galego de formación para o emprego, un 12,9% máis ca este ano.