A Xunta licita a xestión integral da planta de Biorresiduos de Vilanova

O contrato, cunha duración de dous anos prorrogable de forma excepcional por outros nove meses, inclúe a operación, mantemento e limpeza das instalacións, así como a distribución e comercialización do compost elaborado a partir da materia orgánica
La planta de biorresiduos de Vilanova. DP
photo_camera A planta de Vilanova. DS

A Xunta de Galicia, a través da empresa pública Sogama, licitou esta semana por un importe inicial de 4.247.900 euros, IVE incluído, a xestión integral das plantas de biorresiduos de Cervo (Lugo), Verín (Ourense) e (Vilanova de Arousa.

O contrato, con dous anos de duración e unha prórroga excepcional de nove meses, inclúe a operación, mantemento e limpeza destas tres instalacións —propiedade de Sogama—, cuxa función é elaborar compost de calidade a partir da materia orgánica depositada polos cidadáns nos contedores marróns municipais. O prazo para poder presentar ofertas estará aberto ata o próximo 1 de abril.

O proceso industrial contemplará as fases de pretratamento, fermentación, maduración e afino, conforme aos manuais de operación dos distintos equipos e atendendo ás indicacións dos fabricantes, debendo asumir tamén a firma que resulte adxudicataria a distribución e comercialización do abono resultante.

Sogama prevé que a xestión integral destas plantas, cunha capacidade conxunta para tratar 21.000 toneladas de materia orgánica e 7.000 toneladas de estruturante —restos vexetais secos procedentes de podas, por exemplo— dea comezo unha vez conclúa a súa fase de posta en marcha, actualmente en mans das empresas adxudicatarias da súa construción. Neste sentido, o calendario que se manexa é o próximo 1 de xuño para a de Cervo; o 1 de xullo no caso da de Verín; e o 2 de novembro para a de Vilanova de Arousa.