A Xunta investirá 100.000€ na pavimentación da explanada portuaria de Vilanova

Portos de Galicia mantivo reunións coa confraría de pescadores e co Concello para abordar proxectos portuarios
Xuntanza da presidenta de Portos de Galicia, o alcalde de Vilanova e o presidente da Confraría
photo_camera Xuntanza da presidenta de Portos de Galicia, o alcalde de Vilanova e o presidente da Confraría. DS

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá 100.000 euros nas obras de pavimentación da rúa do Campo, a explanada portuaria situada nas inmediacións do porto deportivo do municipio de Vilanova de Arousa. Así llo trasladou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, aos representantes da confraría de pescadores local e do Concello en sendas reunións de traballo mantidas no municipio esta semana.

As obras de pavimentación enmárcanse dentro do contrato global do ente público para a renovación de firmes deteriorados en diversas dársenas das tres provincias costeiras que se atopa na fase final de licitación por un importe global de 1,6 millóns de euros. Os traballos executaranse na explanada situada na parte traseira das oficinas portuarias, nas inmediacións do porto deportivo.

A presidenta de Portos de Galicia e o patrón maior de Vilanova analizaron tamén outras posibles melloras para o sector, que o ente público valorará a petición do colectivo profesional. Mentres, na xuntanza co Concello, os representantes municipais solicitaron a Portos a cesión das aulas situadas na planta alta do edificio de oficinas da confraría para o uso por parte de entidades sen ánimo de lucro do municipio.