A Xunta dota cun novo retinógrafo ao centro de saúde de Vilanova

A aparataxe coa que efectuar retinografías dixitais neste centro de Atención Primaria evita desprazamentos aos centros hospitalarios, adecuando os recursos específicos de Oftalmoloxía e facilitando a comunicación e coordinación entre os niveis asistenciais
Un dos aparellos instalados. XUNTA
photo_camera O novo retinógrafo instalado no centro vilanovés. XUNTA

A Xunta de Galicia ven de incorporar á dotación tecnolóxica do centro de saúde de Vilanova de Arousa un novo retinógrafo, cun investimento de máis de 18.000 euros. Cómpre sinalar que para efectuar as revisións de retina, o Servizo Galego de Saúde introduce esta aparataxe coa que efectuar retinografías dixitais, probas que permiten o diagnóstico precoz das enfermidades oculares máis frecuentes en pacientes diabéticos, pero tamén previr a cegueira nestes doentes. 

A realización destas probas co novo retinógrafo no centro vilanovense facilita, ademais da detección e o tratamento nos tempos recomendados, evitar desprazamentos de pacientes aos centros hospitalarios, adecuando os recursos específicos de Oftalmoloxía e facilitando a comunicación e coordinación entre os niveis asistenciais.

Imaxe de alta calidade e uso sinxelo e versátil 

Este novo equipo garante unha imaxe de alta calidade e supón vantaxes para os profesionais posto que ou seu uso é sinxelo e versátil. O retinógrafo, emprazado nunha platafoma movil, ubícase nun espazo no centro de saúde vilanovense que permite a realización destas probas de xeito confortable para os pacientes e profesionais. 

Cómpre sinalar que as afectacións da retina son unha complicación frecuente da diabetes. Provoca diversas lesións na retina -retinopatía diabética- que, aínda que nas súas fases iniciais non amosan ningunha síntomatoloxía, ao longo da súa evolución natural sen tratamento poden levar a unha diminución da agudeza visual e mesmo á cegueira. O máis importante é que, se se tratan de forma adecuada e precoz, é posible atenuar ou mesmo evitar por completo a afectación da visión.

As retinografías dixitais transmítense a través da rede aos profesionais de Medicina de Familia, así coma aos efectivos que habitualmente prestan asistencia sanitaria ás persoas con diabetes. Todos eles reciben previamente a formación necesaria para a valoración e interpretación das imaxes do fondo de ollo. 

No caso de detectar ou sospeitarse lesións, as imaxes son transferidas automaticamente aos respectivos especialistas da Área Sanitaria para a súa valoración. Sómentes no caso de que se confirmen lesións de retinopatía diabética, cítase ao paciente nas consultas de oftalmoloxía para o seu tratamento e seguimento. As persoas con resultados normais reintégranse á programación para que se lles realicen novos controis de xeito regular, cunha periodicidade dun a tres anos segundo as características individuais de risco de desenvolver retinopatía diabética.