A Xunta aproba o proxecto das novas sendas nas estradas PO-302 e PO-306 en Vilanova

Na PO-302 habilitarase unha senda de 1.100 metros e na PO-306 o itinerario transcorrerá ao longo de 270 metros ▶ As obras inclúen a execución da rede de pluviais, saneamento e abastecemento, ademais da renovación da iluminación na PO‐302

Plano de planta da actuación aprobada hoxe no Consello da Xunta. XUNTA
photo_camera Plano de planta da actuación aprobada hoxe no Consello da Xunta. XUNTA

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de execución das novas sendas nas estradas autonómicas PO-302 e PO-306, no concello de Vilanova de Arousa. O investimento que o Goberno galego destinará a estes novos itinerarios de uso peonil roldará os 1,3 millóns de euros, incluíndo o pagamento dos 41 predios necesarios para impulsar estas obras.

Mediante esta nova actuación, a Xunta busca habilitar un itinerario peonil continuo na marxe dereita das estradas PO‐302 e PO‐306, na contorna do núcleo urbano de Vilanova de Arousa. A aprobación definitiva deste proxecto por parte do Goberno galego leva tamén aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta intervención no municipio. 

Máis en concreto, executarase un itinerario dunha lonxitude de 1.100 metros na estrada PO-302 e unha senda de 270 metros na estrada PO-306, discorrendo entre os puntos quilométricos 0 e 1+100 no caso da primeira, e entre o quilómetro 0 e o 0+270 na segunda. O itinerario contará cunha anchura mínima de 2,20 metros e estará separado da estrada por medio dun bordo de formigón e dun separador vexetal nas zonas onde se proxecten aparcadoiros en batería.

No proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas da Xunta inclúese, tamén, a demolición das beirarrúas existentes e a execución dunhas novas cun pavimento enlousado de granito en todo o tramo da estrada PO‐302, que transcorre polo medio do núcleo urbano de Vilanova de Arousa.  Ademais, construiranse os tramos que faltan na actualidade da rede de pluviais, saneamento e abastecemento na estrada PO‐302; e unha rede de pluviais na PO‐306. Renovarase o alumeado na PO‐302, concretamente substituíndo as luminarias existentes que se atopan deterioradas por unhas acordes á contorna do ámbito de actuación.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará as obras e convocará o levantamento de actas previas das expropiacións no primeiro trimestre de 2023, co obxectivo de iniciar os traballos tamén no vindeiro ano. A actuación ten un prazo de execución de 8 meses. Esta actuación do Goberno galego engádese ás xa rematadas no marco do Plan de Sendas na bisbarra do Salnés, que supuxeron un orzamento de máis de 12 M€ para acadar máis de 21 km lineais de itinerarios peonís. 

Na actualidade a Xunta tamén ten en marcha a execución das obras de construción dunha senda e de reparación de beirarrúas na PO-549 entre os concellos de Vilanova e de Vilagarcía de Arousa, cun investimento de 1 M€ para poñer á disposición dos veciños un novo itineario de 1,6 quilómetros que lle dean continuidade ás sendas executadas nesa mesma estrada.