A Xunta aporta unha axuda de 25.000 euros aos praceiros de Vilanova

O acordo permitirá facer un estudo de mercado e levar a cabo iniciativas de mentoring e formación
Agustín Reguera, Javier Tourís e Gonzalo Durán visitando a praza de abastos de Vilanova. DS
photo_camera Agustín Reguera, Javier Tourís e Gonzalo Durán visitando a praza de abastos de Vilanova. DS

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou na mañá deste mércores o Mercado de Vilanova de Arousa, onde a administración autonómica investirá máis de 25.000 euros como parte das axudas para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e rehabilitación das prazas de Abastos. 

Esta axuda fai parte dos máis de 336.000 euros que se investiron na área territorial de Pontevedra e que están a permitir mellorar o funcionamento e as infraestruturas de preto de 15 mercados. Na comarca do Salnés o seu importe é de preto de 120.000 euros.

Así, por un lado a Xunta achegará 14.500 euros ao Concello que serán investidos na elaboración dun estudo de mercado e en iniciativas de mentoring e formación para os traballadores. Por outro lado, a Asociación de Profesionais Umbrío da Praza de Abastos de Vilanova recibirá unha achega de máis de 11.000 euros. 

O delegado territorial aproveitou a súa visita para lembrar a importancia de modernizar os servizos prestados neste tipo espazos para atraer ao novo público e consolidar aos clientes habituais: “A Xunta de Galicia está comprometida co comercio de proximidade e está claro que os praceiros e praceiras ofrecen un servizo de gran calidade que temos que preservar”.