Vilanova renova o seu arquivo municipal grazas aos recursos do Plan ReacPon

A actuación, que contou cun investimento de 190.864 € do ReacPon e de 70.000 € do Plan Concellos, permite resolver unha demanda histórica da veciñanza
Visita ao arquivo municipal de Vilanova. DP
photo_camera Visita dos deputados Carlos Font e Santos Héctorao e do alcalde Gonzalo Durán ao novo arquivo municipal. DP

O novo arquivo municipal do concello de Vilanova de Arousa xa é unha realidade cos investimentos por valor de 261.000 euros da Deputación de Pontevedra. A institución provincial achegou 190.864€ do Plan ReacPon para acometer a reforma integral das instalacións do baixo da rúa Carballal, nas Sinas, que o municipio puido adquirir previamente con 70.000 € do Plan Concellos. Con esta actuación resólvese unha demanda histórica da veciñanza, xa que o arquivo municipal pasa a situarse nun baixo totalmente acondicionado e renovado e deixa de ocupar o andar superior do mercado de abastos, o que permitirá realizar a mellora integral da praza no futuro.

Os deputados provinciais Carlos Font e Santos Héctor visitaron este mércores xunto ao alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, o novo edificio, que xa se atopa en funcionamento. Percorreron as obras realizadas nas instalacións, centradas no seu reforzo estrutural e na reforma da cuberta e a envolvente, incluíndo albanelaría, carpinterías, pavimentos, teitos e acabados, conseguindo así mellorar as condicións de illamento da instalación, a seguridade e a estética do local no que desde agora se sitúa o arquivo municipal de Vilanova. 

No eixo funcional, as obras permitiron definir catro zonas diferentes para o adecuado desenvolvemento do servizo, establecendo así unha zona común destinada a arquivo, unha para a recepción, a terceira para sala de consultas e, por última, a zona dos aseos.

Finalmente, realizáronse instalacións de electricidade, fontanería, contra incendios, ventilación, telecomunicacións e vídeo vixilancia, completando así os servizos da edificación. O alumeado, pola súa parte, comprende luminarias de tecnoloxía led de alta eficiencia enerxética e baixo consumo.