Vilanova incorpora novos integrantes de Protección Civil á súa agrupación

O delegado territorial, Luis López, realizou esta mañá a entrega de carnés aos efectivos desta e doutras dúas entidades de voluntarios nun acto celebrado na sala de conferencias do edificio administrativo da Xunta en Pontevedra
 
Acto de formalización da incorporación de novos integrantes de Protección Civil de Vilanova de Arousa. XUNTA
photo_camera Acto de formalización da incorporación de novos integrantes de Protección Civil de Vilanova de Arousa. XUNTA

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presidiu esta mañá a formalización de incorporación de novos integrantes de Protección Civil ás agrupacións dos municipios de Vilanova de Arousa, Portas e Vila de Cruces nun acto oficial de entrega de carnés celebrado no edificio administrativo de Campolongo e que contou coa presenza dos alcaldes Ricardo Martínez e Gonzalo Durán e dos tenentes de alcalde de Vilanova e Cruces, Javier Tourís e Julio López, respectivamente.

O representante autonómico, que destacou a importancia deste proceso de identificación, tanto para os novos integrantes como para os membros que deben renovar a súa adscrición cada catro anos, tamén salientou o respaldo inequívoco do Goberno galego a estas entidades: “A Xunta presta o máximo apoio e ten un compromiso absoluto coa resolución das emerxencias e coa atención, o máis cercana posible, aos cidadáns, polo que toda colaboración e mellora son necesarias, incluso no aspecto administrativo, xa que axuda a ter unha relación completa de membros e valorar axeitadamente o peso das agrupacións e a súa capacidade de resposta”.

Este acto, enmarcado no proceso de actualización e regularización das Agrupacións de Protección Civil da provincia de Pontevedra, permitiu entregar dez carnés á entidade de voluntarios de Portas, seis a Vilanova de Arousa e catro a Vila de Cruces, quedando só pendente, dos correspondentes ao presente ano, a distribución dun carné aos colectivos de Lalín, e Poio, respectivamente, que se formalizará en vindeiras datas.

“Estas tres agrupacións levan décadas de servizo desinteresado e altruísta a prol da cidadanía dos seus concellos e incluso, en moitas ocasións, doutros limítrofes e de moitos outros puntos de Galicia e ademais actúan cunha eficacia, eficiencia e esforzo que son dignos de eloxio. Dan unha cobertura de primeiro nivel e están sempre pendentes do que precisa a cidadanía, especialmente nos momentos máis complexos, polo que merecen sobradamente o apoio que lle prestamos dende o Goberno galego”, detallou Luis López.

Ao respecto, revelou que a Xunta colaborou coas tres entidades na entrega de achegas económicas para o seu funcionamento e na dotación de material de primeiro nivel para as emerxencias, ao longo dos últimos anos, por importe de 83.243 euros no caso de Portas, de 61.415 euros no de Vila de Cruces e de 111.326 euros no de Vilanova de Arousa, o que lles permitíu seguir impulsando e reforzando os seus servizos de atención cidadá e de xestión das emerxencias. Ademais, o delegado territorial garantíu que o Goberno galego manterá unha liña continuista de colaboración e apoio a estas agrupacións ao longo dos vindeiros anos.