Vilanova inaugura a exposición '10 anos da Batea' en recordo da Volta Ciclista

O alcalde, Gonzalo Durán e a vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias, acompañados de concelleiros do municipio, visitaron esta mostra fotográfica que rememora a saída da carreira dende a localidade
Inauguración da exposición fotográfica '10 anos da Batea' en Vilanova. DS
photo_camera Inauguración da exposición fotográfica '10 anos da Batea' en Vilanova. DS

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, asistiu este venres na Estación Marítima de Vilanova de Arousa acompañada polo alcalde, Gonzalo Durán, e varios concelleiros do muncipio á presentación da mostra fotográfica polos 10 anos desde a saída da primeira etapa da Volta Ciclista a España desde unha batea.

A vicepresidenta afirmou que “a saída foi un momento histórico para Vilanova e a provincia de Pontevedra, converteunos nun foco de atención para millóns de ollos curiosos de todo o mundo: 150 países pendentes da batea de mexillón na que os ciclistas saíron desde o mar á terra”. Fernández-Tapias sinalou que “esta saída segue lembrándose como unha das máis espectaculares e orixinais da historia da Volta” e agradeceu “a todas as persoas que traballaron para facer posible esta fazaña heroica” que, ademais, “puxo en valor a xente do noso mar”.

A exposición está composta de 30 fotografías, escollidas entre unha selección de máis de 3.000, nas que se amosan imaxes tanto dos preparativos como do propio día da saída. Ademais, a vicepresidenta e demais autoridades tamén comprobaron a loxística para a marcha cicloturista que tivo lugar este sábado no marco das actividades coas que o Concello de Vilanova está a celebrar esta efeméride.​