Vilanova continúa apostando polos espazos infantís coa creación dun novo parque en Corón

O alcalde, Gonzalo Durán, visitou hoxe as instalacións do parque infantil de Saradelo en San Roque de Corón, acompañado polo tenente alcalde, Javier Tourís, e a concelleira, Eliana Vidal

 

O alcalde, Gonzalo Durán, visitou o parque de Saradelo tras as labores de mellora dos espazos infantís. DS
photo_camera O alcalde, Gonzalo Durán, visitou o parque de Saradelo tras as labores de mellora dos espazos infantís. DS

O municipio de Vilanova de Arousa continúa na súa aposta pola reparación e a creación de novos espazos infantís. Á recente estrea das instalacións localizadas na parroquia de Caleiro, súmase un novo punto destinado ao lecer da rapazada en San Roque de Corón.

No espazo, que contou cun orzamento de preto de 20.000 euros, sitúanse diversos xogos como un tobogán, dous bambáns e estruturas diversas que permiten diferentes modalidades de entretemento, ademais dun solo brando que garante a seguridade dos nenos e nenas da zona.

O alcalde do municipio, Gonzalo Durán, visitou hoxe as novas instalacións do parque infantil de Saradelo en San Roque de Corón, acompañado polo tenente alcalde, Javier Tourís, e a concelleira, Eliana Vidal, para evaluar os resultados das labores realizadas.

Na xornada, Durán apuntou que " o que queremos dende o Concello e que os nenos e as nenas conten con espazos para poder gozar. Existía unha demanda por parte dos pais e nais e o que buscamos agora é que se teña un bo uso del e que a rapazada poida xogar sen problema".

Ademais, instou tamén á concienciación veciñal para o bo mantemento destes espazos evitando todo tipo de actos vandálicos e solicitou que se alguén é testemuña de calquera episodio desta índole, contacte coas autoridades.

FUTURAS ACTUACIÓNS
Dende o Goberno local informan tamén da futura creación de dous novos parques infantís en Baión e da continuación do acondicionamento do resto de parques do municipio ata finais de ano.