A Ría de Arousa xa ten a súa primeira batea con selo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), que a identifica como produtora de mexillón ecolóxico. Neste marco, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que visitou o emprazamento ubicado na área de Vilanova, salientou que as vendas de conservas de peixe, de produtos de acuicultura e algas certificadas co selo do Craega pasaron de preto de 14 millóns de euros en 2018 a roldar os 21 millóns en 2022.

O conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, asegurou durante a visita que a produción ecolóxica está en auxe en Galicia e que no caso dos produtos mariños aumentou preto dun 50% nos últimos catro anos. Esta tendencia, dixo, é o resultado "dunha sociedade que cada vez demanda máis produtos da máxima calidade que ao mesmo tempo acrediten que foron obtidos de xeito respectuoso co medio ambiente e apostando en todo momento pola sustentabilidade".
Neste sentido, a identificación das bateas de produción ecolóxica co distintivo do Craega é unha das accións previstas no convenio de colaboración asinado para este ano entre a Consellería do Mar e o organismo regulador, un acordo que conta cun orzamento global de 80.000 euros aportados a partes iguais polos dous asinantes. A idea é identificar todos os viveiros flotantes que cultivan mexillón de forma ecolóxica nas rías galegas (algo máis de 200), co obxectivo de dar visibilidade a esta modalidade de produción e poñela en valor ante o conxunto da cidadanía. Trátase dun xeito de obter alimentos, puxo en valor o representante da Xunta, baseado no respecto ao medio ambiente, no benestar animal e no mantemento e mellora dos mares, ríos e solos.

Precisamente, o director de Agacal destacou que, para reforzar esas garantías, o Executivo galego remitirá en breve ao Parlamento o proxecto de Lei da calidade alimentaria de Galicia. Unha norma, sinalou, que servirá para actualizar o marco normativo co que dar a coñecer as bondades dos produtos alimentarios que se cultivan ou comercializan na comunidade e que busca que ditas producións alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía.