Sogama financiará proxectos ambientais en Vilanova

A Xunta anunciou que a sociedade destinará 150.000 euros a proxectos municipais cun marcado carácter ambiental. O acordo enmárcase na construción por parte da Xunta dunha planta de compostaxe na localidade
sogama
photo_camera O alcalde do municipio, Gonzalo Durán, e o presidente de SOGAMA, Javier Domínguez, asinan o convenio de colaboración. DS

A Sociedade Galega do Medio Ambiente, mellor coñecida polo seu acrónimo SOGAMA, destinará uns fondos que chegan ata preto dos 150.000€ de cara a financiar proxectos de carácter ambiental dentro do municipio de Vilanova de Arousa.

Así o anunciou hoxe, venres 12 de agosto, a Xunta de Galicia, que acentúa que deben ser proxectos de utilidade pública e de carácter ambiental co fin de mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Entre as iniciativas a financiar, serán executadas as obras correspondentes aos proxectos de mellora do firme nos accesos aos lugares de Romarís e Fontenla, a extensión da rede de saneamento neste último punto e a limpeza e mellora da drenaxe en viarios municipais.

O acordo plasmouse esta mañá na sinatura dun convenio de colaboración entre o presidente da empresa pública, Javier Domínguez, e o alcalde do municipio, Gonzalo Durán. Este enmárcase na construción por parte da Xunta dunha nova planta de compostaxe no concello.

A planta de Vilanova foi concibida para ser a instalación de referencia na provincia de Pontevedra. Conta cun investimento de 18 millóns de euros e dará servizo a uns 25 concellos do eixo atlántico sur. Estará situada no polígono industrial de Baión. Nese mesmo lugar SOGAMA adquirira sete parcelas que suman unha superficie de 20.000 metros cadrados en total.

A planta terá capacidade para tratar ata 15.000 toneladas anuais de materia orgánica contida nos residuos domésticos e 7.000 toneladas de material estruturante. O resultado será produción de 6.000 toneladas ao ano de compost de alta calidade, que será utilizado na agricultura e na xardinería, substituíndo a fertilizantes artificiais.

Sogama conta con todas as autorizacións necesarias para levar a cabo a construción e xa presentou no Concello o correspondente proxecto de execución. Está previsto que as obras sobre o terreo comecen no mes de setembro deste ano.