Rueda pon en valor que Galicia, coma Vilanova, "conta cun Goberno estable"

Asistentes á cea en Vilanova. DS
O presidente da Xunta asegurou durante a cea dos populares do Salnés que, "ao igual que os seus veciños levan confiando en Gonzalo Durán ano tras ano ao longo de oitos lexislaturas, os galegos confían no PPdeG"

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, puxo en valor durante a cea do PP celebrada en Vilanova de Arousa que Galicia "conta cun goberno estable e dedicado a traballar por e para a xente, co único obxectivo de mellorar a vida dos galegos, e que por iso a nosa Comunidade é a día de hoxe unha illa de estabilidade dentro do conxunto de España".

Facendo un paralelismo co que ocorre no Concello de Vilanova de Arousa, "onde a boa xestión de Gonzalo Durán fíxoo merecedor da confianza dos seus veciños ano tras ano ao longo de oito lexislaturas", o líder dos populares galegos asegurou ter claros os motivos polos que a cidadanía confía na forma de facer política do seu partido. Neste sentido explicou que "o Goberno galego baixa os impostos a todos os galegos, redobra o seu apoio aos autónomos coa cota cero, conxela os prezos das autoestradas autonómicas, coida dos maiores ofrecéndolles autobús gratis e descontos en establecementos e viaxes, e a partir do próximo ano ofrecerá un bono de 5.000 euros ás familias que coidan a persoas dependentes no seu fogar". Algo que "acontece mentres outros só están dedicados a colmar as súas ambicións persoais, prometer os cartos de todos ao independentismo para poder pagar a súa investidura ou subir as peaxes e negarse a transferir a AP-9 a Galicia", asegurou.

Fronte a todo isto, dixo, "Galicia non se pode render nin deixarse contaxiar das incertezas dun Goberno socialista liderado por Pedro Sánchez e disposto a traspasar todas as liñas vermellas. Reivindicando neste sentido que os galegos saben ben que o que algúns queren vender como normal non o é e teñen claro que o PPdeG é a constatación de que hai outra forma de facer política". 

Un referente das celebracións do Nadal no PP

O presidente provincial indicou que esta cea de Nadal en Vilanova "sempre é un punto de encontro das agrupacións da bisbarra do Salnés que ano tras ano reúne a preto de 1.000 persoas que se converteu xa nun referente das celebración do Nadal no Partido Popular".

López felicitou á agrupación local polo traballo levado a cabo nas eleccións municipais na que o PP de Vilanova revalidou, de xeito rotundo e cun forte incremento, a maioría absoluta e axudou tamén a recuperar a Deputación de Pontevedra. Animounos a seguir traballando na mesma liña cara as autonómicas.