De profesión, bateeiros

"Precisamos xente nova que nos releve"

A Organización de Produtores do Mexillón de Galicia (OPMEGA) promove unha Xornada de Bateas Abertas para amosar o labor dos bateeiros e dignificar a profesión, ademais de animar á xuventude a adicarse a ela pois é "algo moi noso". A actividade tivo como obxectivo reivindicar o sector e visibilizar o traballo das mulleres no mar 
photo_camera Xornada de Bateas Abertas organizada por OPMEGA en Vilanova de Arousa. [VÍDEO: GONZALO GARCÍA]

O porto de Vilanova de Arousa abre as súas portas aos medios de comunicación na Xornada de Bateas Abertas que promove a Organización de Produtores do Mexillón de Galicia (OPMEGA). Para o director desta agrupación, Ricardo Herbón, e maila súa filla Celia trátase dun momento especial para amosar o que máis queren, din: o mar. Estes dous bateeiros, cunha longa traxectoria familiar, adicaron a mañá de onte, a ensinar, explicar e revalorizar o traballo destes profesionais que se adican a cultivar o mexillón. 

Una bateeiro traballando coas cordas dos mexillóns nunha batea. GONZALO GARCÍA
Una bateeiro traballando coas cordas dos mexillóns nunha batea. GONZALO GARCÍA

"É un traballo liberador, pero falta xente xoven que sustitúa aos que se xubilan", indica Celia Herbón. "Sentímonos infravalorados e hai que dar conta que é unha boa profesión na que se pode conciliar e organizarse como un vexa", di esta bateeira de 29 anos. Ademais, puntualiza que, nesta ocupación do sector primario, "queremos eliminar o medo que se orixinou arredor desta actividade. Pode ser que non sexa unha carreira universitaria, pero non somos cavernícolas e calquera, coa formación axeitada, pode exercela". 

O horario de verán comeza ás 6.00 horas de mañá, hora na que se procura facer a ruta dos desdobres do mexillón ata as 13.00 horas para que o "produto non perda calidade pola calor desas horas".  A súa actividade depende dos designios do tempo e o azar das mareas vermellas -ou as variantes da ponzoña- que asolan as rías de forma caprichosa e con carácter indiferente. "Pode haber toxina na ría do lado, pero non aquí ou viceversa", sinalan. O horario é de 6 a 8 horas aproximadamente, no verán. No inverno, "pódese dobrar a xornada".

Xornada de bateas abertas en Vilanova de Arousa, organiza Omega. GONZALO GARCÍA
Xornada de bateas abertas en Vilanova de Arousa, organiza Omega. GONZALO GARCÍA

Entre as ameazas, os bateeiros destacan que os depredadores dos mexillóns ou as mareas con corrente quente tamén son definitorias de que haxa unha "boa recolecta" ou, pola contra, "quedes sen recoller nada", indica Celia, onde inclúe que "nese caso hai axudas para cubrir esta situación".

CAMBIOS E INFLACIÓN. Este colectivo mariñeiro que vive arredor do mexillón, sufriu multitude de cambios nos últimos anos facendo que "as nosas agrupacións e condicións de traballo sexan moito mellores que antano e teña saídas laborais en diferentes campos", engaden rumbo á batea.

Na actualidade, estes profesionais non poden saír ao mar sen ter coñecementos de natación. "Anos atrás había persoas que había patróns que se xubilaban sen saber nadar", indica a bateeira que destaca, ademais, que este oficio "é seguro aínda que, como moitos outros traballos, sempre hai caídas e desgastes típicas da profesión". 

Tamén mudaron as bateas. Tal e como relatan os expertos, a nova xeración de bateas na que están investindo non só lles permite adaptarse ás esixencias ecolóxicas da Unión Europea, senón que melloran as condicións da produción. "Así podemos garantir dar a mellor calidade". Segundo din os bateeiros, "de por si os galegos sempre traballamos con materiais bastante respectuosos e, agora, estamos cambiando ao ‘cibrocemento’ nas bateas".

Por outra banda, o sector mexilloeiro non é indiferente á escalada de prezos actual. Esta suba dificulta o coidado tanto das bateas como dos barcos cos que se traballan. Para os que viven deste molusco, unha plataforma nova pode custar arredor dos 80.000 euros. 

A relevancia das mulleres
Celia Herbón non só cultiva mexillón, tamén é vicepresidenta de Mulleres Salgadas, unha asociación -creada no 2016- de ámbito autonómico galego de mulleres no sector pesqueiro que procura "pór en valor e recoñecer" o traballo deste xénero "no que é dificil que conten con nós" dende todas as perspectivas dos oficios do mar. "Hai mulleres expertas en moitos sectores e, ao final, sempre chaman ao home só por ocupar un cargo importante, aínda que non teña nin idea do que se fai". 

Precisamente, debido a esta constante "infravaloración e medo" no sector, débense ás reticencias para falar "do seu". Pero dende esta plataforma xa son 1.500 mulleres que pertencen a diferentes cofradías e cooperativas que queren "dar voz" ao seu traballo e "dignificalo". 

"Este traballo permite a conciliación familiar, ese é o motivo polo que moitas mulleres se adican a isto", conclúe Celia.