A Policía Autonómica e Axentes Ambientais esclarecen un incendio forestal en Vilanova

O lume foi provocado por unha tala dun eucalipto sen as debidas medidas de seguridade que produciu un curtocircuíto ao caer a árbore sobre o tendido eléctrico de alta tensión
Incendio forestal en Vilanova. DS
photo_camera Axentes analizando a zona do incendio. DS

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica da xefatura provincial de Pontevedra, en colaboración con axentes ambientais do distrito forestal XIX Caldas- O Salnés da Consellería do Medio Rural, veñen de esclarecer un incendio forestal rexistrado o pasado 18 de febreiro no concello pontevedrés de Vilanova de Arousa. O lume rexistrouse na parroquia de Tremoedo e afectou 0,61 hectáreas de superficie arborada e 0,30 hectáreas de monte raso. 

A investigación puxo de manifesto que se tratou dun incendio provocado por unha tala sen as debidas medidas de seguridade por parte da persoa que a estaba a realizar. Nunha primeira inspección ocular, os axentes da Policía Autonómica comprobaron que as lapas se iniciaran pola tala e caída dun eucalipto sobre o tendido eléctrico de alta tensión que discorre polo lugar, producíndose un curtocircuíto.

Unha vez delimitado o punto de inicio do lume, os axentes comprobaron que a tala se realizara sen cumprir as normas básicas de seguridade.  A Policía Autonómica remitiu as dilixencias por estes feitos ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Vilagarcía de Arousa.