Rosario Palacios 'Orive' amosa o seu camiño cara a espiritualidade nunha vintena de óleos

A mostra da pintora afincada en Vilanova, inaugúrase este martes no Centro Empresarial de Tambre
Rosario Palacios 'Orive' posando con algunha das súas obras. DS
photo_camera Rosario Palacios 'Orive' posando con algunha das súas obras. DS

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará este martes, 2 de abril, a exposición Nuevo caminar da pintora Rosario Palacios, coñecida artisticamente como Orive, ás 20.00 horas. A mostra poderase visitar no Centro Empresarial do Tambre, en Santiago de Compostela, ata o 19 de abril, en horario de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas (recoméndase avisar previamente da visita no teléfono 981 55 28 50). 

A mostra recolle unha vintena de óleos sobre lenzo en diferentes formatos. Cos cadros desta exposición, a pintora plasma o inicio dun novo camiño persoal cara a espiritualidade, facéndoa máis consciente. “Pretendo recuperar la niña que todas llevamos dentro, superar las heridas del pasado y encontrar la paz interior tan necesaria en estos tiempos convulsos que vivimos”, apunta a autora.

Definida por moito como unha “soñadora esperta”, Orive dá forma as súas criaturas plásticas, creadas a partir das súas materializacións oníricas, pero por riba de todo céntrase na busca da autenticidade, do natural, das raíces profunda do mundo demostrando a súa paixón pola vida, a natureza e o amor. Tamén a súa obra recolle outras temáticas de personaxes culturais relevantes, como Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, mulleres ilustres que desafiaron os costumes da época e seguiron un camiño emprendedor. Ademais, a súa pintura destaca por contar de continuo con elementos naturais, como os ríos plácidos e os fondos mariños imaxinarios, as escenas rurais e o mundo do viño, todo reflectido as veces con cores fortes e outras cálidas e con trazos sutís.

A artista naceu en Cogollos, un pobo do Alfoz de Burgos en 1955. Veu como voluntaria a Galicia para colaborar na limpeza da vertedura do Prestige e, meses despois, trasladou a súa residencia a Galicia, primeiramente a Mondariz Balneario e, desde fai cinco anos, a Vilanova de Arousa. 

Traxectoria

Orive conta cunha gran bagaxe expositiva que a levou por varias cidades españolas e portuguesas. Realizou numerosas exposicións, tanto individuais como colectivas. Entre as individuais, pódense citar as realizadas en Medina de Pomar, Villarcayo, Covarrubias, Aranda del Duero, Ourense, Ponteareas e Pontevedra, entre outras. Entre as colectivas, participou en Arte solidario, Tres miradas al románico olvidado e Colores a ras del suelo, entre outras moitas. Colaborou con artistas galegos, como Antonio Taboada Wily, José Lorenzo Macias e José Antonio Fondevila, e prestixiosos artistas casteláns, como o recoñecido escultor Fray Alfonso Salas.

As súas obras foron seleccionadas en certames nacionais, como o ACOR de Valladolid, as Balconadas de Betanzos, e outros internacionais como Arte com Vida de Coímbra ou outro en Figueira da Foz (Portugal). Tamén descubriu no cartelismo outras posibilidades e animouse a crear carteis para a XVIV edición da Feira do Viño de Amandi en Sober e para a Festa do Berberecho e o Mexillón de Vilanova de Arousa. Recentemente introduciuse no mundo dos murais, deseñando fachadas no lugar de Triñanes, en Boiro, nun patio particular en Vilanova de Arousa ou nun pombal tradicional en Cogollos.