O Parlamento pide a Costas que rectifique e permita a instalación do colector de Tragove

A deputada popular Elena Suárez salientou que a importancia tanto medioambiental como socioeconómica que ten esta obra para as mariscadores e depuradoras da ría de Arousa
Visita as instalacións da depuradora de Tragove esta mañá. DS
photo_camera O alcalde de Vilanova visitou a depuradora de Tragove fai unhas semanas. DS

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda á Dirección Xeral da Costas e o Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica a rectificación dos criterios de valoración aplicados no proxecto de renovación da rede de colectores de augas residuais entre Vilanova de Arousa e a EDAR de Tragove, e autorice a execución dos traballos. A deputada popular Elena Suárez sinalou que “esta obra ten dúas vertentes de urxencia: por unha banda, a medioambiental, derivada dos continuos vertidos de fecais á ría de Arousa; e, por outra, o risco que estes vertidos supoñen para a actividade socioeconómica de mariscadoras e depuradoras que dependen da calidade da auga para a súa actividade diaria”. 

Elena Suárez lembrou que o colector de fecais que une Vilanova de Arousa e Cambados “instalouse hai 25 anos e quedou claramente anticuado, polo que xa non pode cumprir a súa función con garantías. “As verteduras á ría de Arousa por desbordamentos son constantes na zona de San Miguel, co prexuízo medioambiental e económico que iso supón, ao que se suma que cando a marea é alta bótase auga salgada ao colector xeral, o que prexudica o funcionamento da depuradora situada en Tragove”, engadiu.

Proxecto e investimento

Diante desta situación, Augas de Galicia redactou un proxecto e o Concello de Vilanova de Arousa deu os pasos necesarios para a realización desta obra de cambio do colector, ao tempo que a Xunta buscou o financiamento necesario a través dos fondos europeos e habilitou unha partida de 7 millóns de euros para realizar esta actuación.

“Porén, o departamento responsable de Costas en Pontevedra autorizou nun primeiro momento a instalación deste novo colector entre San Miguel e a EDAR de Tragove, pero o mesmo departamento no Ministerio de Transición Ecolóxica en Madrid botouno para atrás”, lamentou a deputada popular, quen manifestou que “o único que se desliza desta nova resolución é un cambio de criterio, non un cambio da lexislación”. 

Elena Suárez afirmou que esta importante obra para o saneamento da ría de Arousa “está en perigo neste momento por culpa dun criterio de ecoloxía mal entendido desde o Goberno de Pedro Sánchez, cuxas políticas están a supoñer unha ameaza constante para a xente do mar galega”.