Luis López pide "traballo e unidade" durante un encontro cos afiliados do Salnés

Luis López xunto aos asistentes ao encontro do PP en Vilanova de Arousa. DS
No acto, que transcorreu este domingo en Vilanova, dixo sentirse con "ilusión e preparado" de cara ao Congreso provincial do PP que terá lugar o 9 de xullo en Vigo

Vilanova acolleu durante a noite deste domingo un encontro entre o candidato á presidencia do PP de Pontevedra, Luis López, e os alcaldes, voceiros e afiliados da comarca do Salnés, no marco da campaña electoral interna de cara ao Congreso provincial que terá lugar o vindeiro 9 de xullo en Vigo

López asegurou presentarse con “ilusión e preparado” para afrontar os retos que o partido ten por diante, e que aposta polo “traballo e a unidade dun partido forte, que garante estabilidade onde goberna e no que confiar para xestionar os momentos complicados e nas peores situacións. Un partido serio, estable, moderado e responsable”, manifestou durante a xornada.

Neste sentido, o candidato marcou tres obxectivos para a súa etapa ao fronte dos populares na provincia: reforzar o partido nos 61 concellos" coa mirada postas nas municipais do ano próximo", nos que pretenden "mellorar resultados e recuperar alcaldías para o P"P; contribuír desde a provincia "ao cambio necesario en España con Alberto Núñez Feijóo"; e revalidar a quinta maioría absoluta en Galicia con Alfonso Rueda. Para conseguilo, prometeu “traballo, unidade sen fisuras, disposición absoluta e apoio ás xuntas locais”. 

López asegurou que "o PP é o partido da xente e por iso debemos intensificar e recuperar o contacto, intensificar a nosa presencia na rúa, para escoitalos, atendelos e entendelos”.

Por último, agradeceu o “grande apoio” que recibiu dos afiliados da provincia, que lle permitiu entregar 2.363 sinaturas para formalizar a súa candidatura a presidente provincial. “Un éxito colectivo, un xesto de respaldo inmenso para o proxecto e para o conxunto do partido”, concluíu.