O PSdeG insta á Xunta a reincorporar a Vilanova ao xeodestino do Salnés

Leticia Gallego lamenta a decisión do Consello Galego de Turismo de cambiar o concello ao xeodestino Mar de Santiago, en contra do sector turístico, a restauración e o comercio da Mancomunidade
Leticia Gallego. DS
photo_camera Leticia Gallego. DS

A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, presentou onte en Comisión parlamentaria unha proposta para reclamarlle á Xunta que reincorpore ao Concello de Vilanova ao xeodestino do Salnés. Gallego lamentou que o PP se negara a aprobar esta iniciativa, evitando asumir unha rectificación reclamada polo sector do turismo, a restauración e o comercio locais da Mancomunidade.

A responsable socialista levou onte ao Parlamento o novo mapa con 26 xeodestinos, aprobado na Xunta a finais de outubro, con 14 mais dos que figuraban anteriormente. Unha das decisións foi retirar ao concello de Vilanova do xeodestino do Salnés para incorporalo ao de Mar de Santiago, que comparte con Catoira, Valga e Pontecesures, deixando A Illa e Vilagarcía illadas entre Catoira e Vilanova.

Sinala que malia que Vilanova segue a participar dos servizos da Mancomunidade do Salnés, en materia turística “decidiu ir en solitario”, incorporándose á oferta dos concellos ribeirenses do Ulla, unha decisión que foi consagrada polo Consello Galego de Turismo primeiro e polo Consello da Xunta despois. A decisión xerou gran indignación á Mancomunidade, ata o punto de que o Consello Galego de Turismo adoptou a decisión por unha exigua minoría de 9 contra 8.

Gallego apunta que o propio sector privado “votou en contra porque é consciente de que vai repercutir negativamente na súa economía”, ademais de que “non corresponde a ningún tipo de motivación de carácter técnico e terá unhas consecuencias claramente prexudiciais para a comarca do Salnés”.

Vai repercutur negativamente na súa economía e non corresponde a ningún tipo de motivación de carácter técnico

Advirte de que a Mancomunidade do Salnés non da por bos os argumentos da Xunta e lembra que contan con produtos turísticos propios vencellados ao fenómeno Xacobeo, ademais de outros adicionais dos que tamén participa Vilanova. 

A semana pasada aprobaron en Pleno levar o novo mapa de xeodestinos ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, unha decisión da que o PP da comarca se tivo que ausentar para non votar en contra, e o alcalde e unha concelleira de Sanxenxo se abstiveron.