A exposición 'Terra de Cardos' inicia a súa andaina no Salnés cunha exposición en Vilanova

O presidente da Deputación, Luis López, percorreu a mostra cunha "coidada selección das fotografías"
Inauguración da exposición 'Terra de Cardos'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Inauguración da exposición 'Terra de Cardos'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, percorreu no Auditorio Valle-Inclán de Vilanova de Arousa a exposición coa que a asociación cultural Terra de Cardos inicia a súa andaina no Salnés. Durante a visita, López enxalzou a relación entre a vila coa cultura, berce de escritores da talla de Valle-Inclán ou dos irmáns Camba, e tamén o dinamismo de entidades vinculadas a Vilanova como Terra de Cardos, que comeza a funcionar con esta exposición homónima que recolle a obra de 22 fotógrafos da contorna arousá que asinan máis de cen imaxes.

Luis López felicitou aos fotógrafos e á asociación cultural pola coidada selección das fotografías, “de forte carga emocional e artística que achegan unha fermosa mirada do mundo, de lugares de aquí, da provincia, de Galicia, coas nosas xentes, costumes e paisaxes, pero tamén doutras culturas e partes do planeta”.  Ademais, o presidente relacionou a visión de Terra de Cardos sobre a cultura coa que ten o goberno provincial: “Unha cultura de todos e para compartir con todos, accesible, aberta, multicultural, diversa, para construír sociedades máis libres e co poder de configurar un retrato do que somos como territorio, como colectivo e como provincia”.