A Deputación apura os trámites para licitar a senda peonil das Sinas

O novo itinerario para camiñar de xeito seguro polo litoral eliminará as obsoletas beirarrúas, de apenas un metro de ancho e que contan con varios obstáculos ao movemento
Praia das Sinas. DS
photo_camera Praia das Sinas. ARQUIVO/DS

A senda peonil que percorrerá a zona litoral que une a praia das Sinas co núcleo urbán de Vilanova xa está máis preto. A Deputación apura os últimos trámites para licitar o proxecto, que contempla un itinerario de 810 metros de lonxitude que permitirá gozar desta zona natural en condicións da máxima seguridade e accesibilidade para as persoas que camiñan. A obra conta cun orzamento de 273.067 euros, dos que a Deputación achegará un 80% (218.453 euros) e o Concello o 20% restante (54.613 euros) e o convenio, que xa está asinado, inclúe, ademais, o compromiso de transferir ao Concello a nova senda peonil (mantendo a Deputación a titularidade sobre a plataforma de circulación), así como  outros 86 metros doutro tramo urbanizado na estrada entre Fefiñáns e Oubiña.

A estrada das Sinas, que agora ten unha anchura tipo de oito metros con carrís de 3,5 metros e beiravías irregulares, experimentará así un importante cambio. As obras permitirán contar cunha senda continua con ancho mínimo de 2,5 metros e acabado en formigón coloreado entre o PQ 1+415 e o PQ 2+225 pola marxe dereita, é dicir, a máis próxima ao litoral. Aproveitará tódolos sobreanchos existentes, homoxeneizando a marxe da estrada e, ademais, implicará a retirada ou recuado de sinais, bordos e sete postes de formigón para deixar libre todo o espazo dispoñible. A drenaxe das augas pluviais resolverase coa construción dun caz de separación coa calzada que albergará a nova rede de sumidoiros, e ademais serán necesarias actuacións de roza de vexetación e a retirada dunha marquesiña.

O punto de inicio do ámbito da obra atópase ao pasar a zona recreativa das Sinas en dirección a Vilanova. Transcorre a carón da praia, onde agora existe unha beirarrúa de anchura moi variable, de entre un e dous metros e que, ademais, está ocupada non só polos postes de distribución eléctrica, senón tamén polos de telecomunicacións e o do alumeado público. Nalgúns puntos o tránsito peonil está aínda máis reducido, dificultando a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida ou que porten carros de nenos e nenas. O ámbito da obra rematará onde se sitúa o aparcadoiro público e preto doutro aparcadoiro privado dun restaurante.

A obra incluirá tamén a renovación completa do pavimento asfáltico nestes 810 metros da estrada provincial, así como os traballos de fresado e demolición, aplicación de capa de saburra e macadam, imprimación con rega asfáltica e nova capa de aglomerado en quente. Ademais, está prevista a construción dun novo paso de peóns sobreelevado para optimizar a permeabilidade peonil entre ambas beiras da estrada, así como unha nova sinalización horizontal e vertical que remarcarán a prioridade peonil e, ademais, limitarán a velocidade de circulación a 30 quilómetros/hora.