O Corno celebra a súa estrea en Vilanova, un dos lugares onde se rodou

O pase terá lugar ás 20.00 horas no Auditorio Valle Inclán
Jaione Camborda na rodaxe de O CORNO. DS
photo_camera Jaione Camborda na rodaxe de O CORNO. DS

O filme dirixido por Jaione CambordaO Corno, chega esta tarde de venres a Vilanova, lugar onde se rodou parte da obra, para celebrar a súa estrea

O pase especial terá lugar ás 20.00 horas no Auditorio Valle Inclán e contará coa presenza da directora e do equipo artístico da película, así como de moitas persoas da comarca que participaron na rodaxe como figurantes ou colaboradores. O acto comezará cun photocall, para dar paso á presentación e inicio da película, e posteriormente rematar, ás 22.15 horas, cun coloquio con Jaione Camborda e Janet Novás.

Asistirá o Alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, xunto co Concelleiro de Cultura e Deputado Provincial, Javier Tourís, e outros representantes de concellos da zona.

Na fin de semana o equipo do filme continuará coas presentacións en cinemas de Santiago, Ferrol e Lugo.

Sinopse
Illa de Arousa, 1971. María é unha muller que gaña a vida mariscando. Tamén é coñecida na illa por axudar outras mulleres nos seus partos con especial dedicación e coidado. Tras un inesperado suceso, vese obrigada a fuxir e comeza unha perigosa travesía que a fará loitar pola súa supervivencia. Buscando a súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha das rutas de contrabando entre Galicia e Portugal.