O Concello de Vilanova, ABANCA e Afundación inauguran a mostra 'Castelao grafista'

O acto de presentación, que terá lugar na Sala de Exposicións do Teatro Valle-Inclán, está enmarcado en Corrente cultural, un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación
Auditorio Vilanova Valle-Inclán. DS
photo_camera O Auditorio Vilanova Valle-Inclán estreará a mostra este mércores. DS

Afundación, o Concello de Vilanova de Arousa e ABANCA inaugurarán este mércores, 29 de novembro, ás 11.00 horas no Teatro Auditorio Valle-Inclán, a mostra Castelao grafista (facsímile). No acto de presentación estarán presentes o alcalde do Concello de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán; o concelleiro de Cultura do Concello de Vilanova de Arousa, Javier Tourís; o coordinador de Banca Institucional de ABANCA en Pontevedra, José Luis Romero; e a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores. Esta mostra está incluída en Corrente cultural, un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación. 

Castelao grafista (facsímile) permanecerá aberta dende o 29 de novembro ata o 29 de decembro no Teatro Auditorio Valle-Inclán de Vilanova de Arousa onde se poderá visitar de luns a venres en horario de 16.00 a 21.00 horas. A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación, debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, retratos fotográficos, caricaturas e debuxos e portadas de revistas.

Esta exposición enmárcase na iniciativa Cultura por alimentos que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.