COGAMI forma en Vilanova a 15 persoas con discapacidade como recepcionistas de oficina

Este curso é unha das accións que recolle o programa de inserción Máis Emprego, financiado por Fundación 'La Caixa' e o Fondo Social Europeo na provincia de Pontevedra
Alumando do curso de COGAMI en Vilanova. DS
photo_camera Alumnado do curso de COGAMI en Vilanova. DS

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) iniciou en Vilanova, nas instalacións municipais do Pazo de Vista Real, un curso de recepcionista de oficina no que se están a formar 15 persoas, sete homes e oito mulleres, todas elas apuntadas na base de datos do servizo de emprego de COGAMI. 

Cofinanciado por Fundación La Caixa e o Fondo Social Europeo, o curso forma parte do programa de inserción laboral Máis Emprego, dirixido a persoas con discapacidade e/ou con incapacidade laboral para a profesión habitual que se atopan en situación de vulnerabilidade, que están empadroadas na provincia de Pontevedra e que comprenden idades entre os 18 e os 65 anos.

O alumnado, que procede dos concellos de Pontevedra, O Grove, Vilagarcía, Cambados, Vilanova, Meis, Meaño, Ribadumia e Catoira, aprenderá ofimática relacionada coa xestión de oficinas e establecementos de atención ao público ademais de recepción de oficina. Esta formación ten por finalidade preparar ao alumnado inscrito tanto para favorecer o seu acceso ao mercado laboral como para realizar unha reciclaxe profesional. En total impartiranse 195 horas de clases, rematando a mediados de novembro, das que 50 horas serán de clases de ofimática, 75 horas serán teórico-prácticas de oficina e 70 horas serán realizadas como prácticas en empresas da zona.

Tralo remate das clases teóricas, existe a posibilidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante a formación práctica que vai ser realizada en empresas situadas cerca da residencia habitual do alumnado, para facilitarlle o contacto directo co tecido empresarial da zona de cara a facilitar unha pronta inserción.