CARLOS NÚÑEZ, GAITEIRO

"Cada vez que tocamos a gaita fóra de Galicia, os galegos, choran"

O gaiteiro Carlos Núñez dá este venres 4 de agosto un concerto no Pazo Baión enmarcado na súa Xira Lugares Máxicos
O gaiteiro Carlos Núñez coa súa gaite. DS
photo_camera O gaiteiro Carlos Núñez coa súa gaite. DS

Sobre o val do Salnés, nas Rías Baixas, un pazo galego totalmente de pedra volve a abrir, un verán máis, as súas portas ao son da gaita. Ao lado das súas 22 hectáreas de viñedo e disposto para ter reflictidos sobre el os raios directos do sol no atardecer, o Pazo Baión acolle este venres 4 de agosto ao gaiteiro Carlos Núñez.

Dentro da súa Xira Lugares Máxicos, Carlos Núñez volve a ofrecer por cuarto verán consecutivo un concerto que, polas chuvias, tivo que retrasarse. Alí a onde vai, Carlos non só leva a súa gaita, leva o son da mesma e a maxia de Galicia.

Cre que Galicia é un lugar máxico?
Eu creo que está demostrado que sí. Galicia algo ten; Galicia conta cun plus se comparamos con outras áreas do noroeste da Península. E moi probablemente ese plus está moi relacionado con que tivemos xente moi sabia dende hai séculos que conectaron Galicia co mundo celta. Esas persoas foron capaces de revalorizar eses pluses. Xa dende o Pai Sarmiento, Manuel Murguía, Castelao... todos os grandes creadores foron conscientes de que Galicia pertencía a ese mundo atlántico-celta e fixeron del algo único e diferente. Eu creo que iso consolidou unha marca, unha sensiblidade, que creo que só é comparable en España co mundo do flamenco en Andalucía.

En relación co mundo celta que comenta, comezou a dar os primeiros pasos cunha banda irlandesa, chamada The Chieftains, coa que compartimos orixe celta. Como foi ese inicio?
Eu coñecín a The Chieftains con 13 anos e un gran sabio de Bretaña, o gran experto da música de bretaña e creador de festivais celtas, viñera a Vigo e deume o teléfono do grupo. Sempre digo que el deume a chave do paraíso, o contacto directo con The Chieftains. Recordo aquela época con moito aprendizaxe. Entrei nos festivais cun gran ambiente celta e enriquecedor. Todo aquilo permitiume coñecer aos grandes mestres da música celta. The Chieftains ensináronme segredos que non todos os mestres ensinan aos sesu alumnos. Unha das cousas que aprendín con eles é que había que abrir a música tradicional a todos os públicos. Que a música tradicional fose a base de todo.

Galicia ten o son dunha gaita?
É algo fascinante e totalmente certo. O Pai Sarmiento xa dicía que moi probablemente a gaita gardaba ecos e cousas anteriores á propia lingua galega. As músicas de gaita poden gardar esencias milenarias. De feito, a gaita galega, tal e como a coñecemos hoxe, leva mil anos en Galicia. Incluso dun xeito máis popular, cada vez que tocamos a gaita en lugares como Bos Aires, Madrid e Barcelona, ou en calquera parte do mundo, as persoas sinten moita emoción pero os galegos, a meirande parte deles, choran. E iso amosa que hai algo moi profundo.

A música galega e en galego é unha vía actual para revalorizar a cultura e patrimonio de Galicia?
Eu creo que en Galicia todo e todos estamos conectados, somos un equipo. E todo responde a unha sabia vontade de Galicia que non quere perder as tradicións. Galicia deixouse abrazar por sistemas sucesivos. Galicia está actualmente en España, tamén en Europa, está dentro do sistema da moeda Pero Galicia garda sabedorías anteriores a eses sistemas e non os perdeu, curiosamente. Moitas veces en Galicia as cousas máis importantes non se escriben, son verbais. Isto amosa que Galicia vai cos tempos, adáptase pero nunca deixou de ser ela.

Se lle tivese que poñer un título a estes catro anos actuando no Pazo de Baión, cal sería?
"Un éxito total da irmandade música galega e viño galego". Estamos cultivando unha tradición milenaria, porque o viño é algo milenario ao igual que a gaita, e estamos aplicando  todas as tecnoloxías e últimos coñecementos para buscar a excelencia e ademais  temos unha vinculación internacional; a de compartir diso tan marabilloso que temos aquí.
Unha vez, de xira, demos un concerto nunhas adegas en California preto da casa de Michael Jackson, e os americanos estaban plantando albariño. Eu quedei marabillado e collín a idea, a idea de facer concertos na natureza, nos pazos que temos por Galicia. E levamos uns anos por lugares máxicos, incríbles e moi diferentes.

E por que a súa xira nome da xira lugares máxicos?
Pensei un día que podía ser un nome perfecto. En Galicia temos moitos lugares que causan emocións moi fortes. O escritor Méndez Ferrín dicía que en Galicia temos eses lugares que inspiraron a trobadores medievais unhas sensacions. Ese lugares seguen estando aí e cando os visitas seguen provocando as mesmas sensacións.

Cal é o lugar máxico para Carlos Núñez?
Moitos. Fixemos moitas xiras en Xapón e aprendimos moitas cousas, entre elas, como van da man a excelencia da tradición e a excelencia dos últimos avances tecnolóxicos. Xapón tenme influenciado moito na nosa música. En Galicia lembro un concerto que dimos para nós e para os espeleógos dentro das Covas do Rei Centolo. E outro dos meus lugares favoritos é calquera dos solpores en Galicia, neses verdadeiros miradores que temos para o máis alá, que nas Rías Baixas temos moitos. Son os que chaman os arqueólogos "os embarcadeiros cara o máis alá".