Arousa Moza organiza dúas formacións internacionais no mes de xaneiro

Ambos cursos terán cadansúa parte teórica e práctica, con xincanas e outras actividades
Erasmus Plus de Arousa Moza. DS
photo_camera Unha das xuntanzas pasadas do Erasmus Plus de Arousa Moza. DS

A asociación xuvenil Arousa Moza comeza o ano de maneira forte levando a cabo dúas formacións internacionais neste mes de xaneiro. Durante os próximos 15 días, ao redor de 50 mozos/as provintes de diferentes partes de Europa e países asociados, participarán en dúas formacións enmarcadas no programa Erasmus Plus da Unión Europea. Como de costume, Arousa Moza levará estes encontros no Albergue xuvenil de As Sinas, ubicado en Vilanova de Arousa.

DBAY: Dialogue Between Authorities and Youth, será o primeiro curso que se levará a cabo dende o día 9 de xaneiro ata o día 14 do mesmo. Este proxecto o forman 18 participantes, traballadores/as e/ou voluntarios/as no ámbito da xuventude de España, Portugal, Bulgaria, Rumanía, Ucrania, Armenia and Italia. Esta formación será levada a cabo por Victor Catalin, provinte de Rumanía que con moitos anos de experiencia no mundo erasmus, liderará e aportará as sesión en canto a estratexias e ferramentas de comunicación entre a xuventude e as autoridades.

O seguinte proxecto, Obliequality, do 16 ao 21 de xaneiro será sobre igualdade e será impartido por Tamara Fernández, psicóloga en servizos sociais comunitarios na Universidade de Santiago de Compostela. Abordará a perspectiva de xénero e sensibilización de realidades sociais nas organizacións, a identificación e a erradicación de comportamentos que provocan as desigualdades na sociedade. Os países que participarán nesta formación serán España, Portugal, Eslovaquia, Turquía, Italia, Polonia, Rumanía e Grecia.

Ambos proxectos non constarán soamente de sesións teóricas, senón que os/as participantes aprenderán a través da práctica explorando e coñecendo a realidade de Arousa, como nunha especie de xincana pola zona onde estarán somerxidos/as na cultura e en contacto cos/as locais arousáns/ás.