Arousa Moza mostra o seu proxecto que combina artes tradicionais e vangardistas

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou a esta asociación arousana no Albergue Xuvenil As Sinas
O alcalde e a conselleira no albergue xunto aos mozos e mozas arousanos e doutros países europeos. AGN
photo_camera O alcalde e a conselleira no albergue xunto aos mozos e mozas arousanos e doutros países europeos. AGN

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou o Albergue Xuvenil As Sinas, onde coñeceu o proxecto da asociación Arousa Moza subvencionado na convocatoria do pasado ano do programa Iniciativa Xove da Xunta, que conta en 2022 cun orzamento de 400.000 euros para financiar iniciativas promovidas e protagonizadas pola mocidade cun impacto nos ámbitos social, cultural e da xuventude, entre outros. A proposta deberá estar realizada por unha entidade inscrita no censo de entidades xuvenís ou por un grupo informal de entre cinco e oito membros, todos eles empadroados en Galicia e de entre 18 e 30 anos de idade. Cada unha recibirá un máximo de 5.000 euros.

Durante a súa visita As Sinas, a conselleira Fabiola García coñeceu o proxecto Arousa Inspira a través dun vídeo realizado polos membros da entidade. Este iniciativa combinou artes tradicionais con outras máis vangardistas, como o rap, coa tradición da comarca de Arousa como principal nexo de unión. Tamén celebraron concertos, obradoiros e outras actividades destinadas ás veciñas e veciños da localidade.

WORK YOUR PASSION. A maiores, Fabiola García asistiu a unha actividade que a organización Arousa Moza está a realizar no Albergue Xuvenil As Sinas. Baixo o nome Work Your Passion, 40 mozas e mozos de España, Portugal, Italia, Romanía, Ucraína, Grecia e Polonia remataban onte unha estancia no albergue, na que se traballou sobre os valores europeos destacando a importancia da participación nas comunidades locais.