A Xunta inviste 5 millóns no CIFP Fontecarmoa e no CEIP Arealonga

A ampliación do Centro Integrado de FP licitarase antes de fin de ano por case 3,8M€ e no 2024 a do colexio ao longo de 2024, por arredor de 635.000€ ▶ Súmanse ás melloras realizadas nos tres institutos do concello, no Centro de Educación Especial e no Colexio CEIP Plurilingüe de Vilaxoán
CEIP Arealonga. DS
photo_camera CEIP Arealonga. DS

A Xunta de Galicia vai licitar antes de que remate o ano a obra de ampliación do Centro Integrado de FP Fontecarmoa, cun importe de case 3,8M€. Así mesmo, ao longo de 2024 está previsto licitar a ampliación doutro dos colexios desta localidade pontevedresa, o CEIP Plurilingüe Arealonga. Deste xeito, o investimento en obras educativas no concello vilagarcián elévase a 5M€ nesta lexislatura.

O obxectivo destas melloras é dar resposta ás necesidades dos ciclos formativos que imparte o Fontecarmoa, recentemente convertido en Centro Integrado de FP, e mellorar o día a día da comunidade educativa en ambos os dous casos.

Estas dúas novas actuacións súmanse ás melloras realizadas no Colexio CEIP Plurilingüe de Vilaxoán, no Instituto IES de Carril, no IES Castro Alobre e ás instalacións fotovoltaicas no IES Armando Cotarelo Valledor e no Centro de Educación Especial CEE de Vilagarcía de Arousa. 

Novos talleres para FP

A ampliación do CIFP Fontecarmoa suporá unha nova superficie total de 2.210,29 m² construídos. A maioría deles, 1.875,29m², serán sobre o edificio de talleres, mentres que o principal medrará en 335 m².

A actuación permitirá que o centro conte con novos espazos para talleres, ao tempo que se solucionan problemas puntuais nos xa existentes. Crearase, así mesmo, un soto técnico no edificio de talleres que aglutinará as instalacións do centro e colocarase un novo sistema de xeración de calor mediante biomasa para todo o complexo educativo.

Ademais, reorganizaranse os espazos do edificio principal, crearase unha nova sala de reunións e un local para viveiro de empresas na planta baixa do edificio principal. De forma parella, aproveitarase para mellorar a accesibilidade no conxunto do CIFP, incorporando nos dous edificios ascensor e aseo adaptado. 

Para acometer a actuación é necesaria a demolición da fachada sur do edificio principal e da fachada este do edificio de talleres, entre outras modificacións. Os novos volumes, construiranse encostados ás fachadas dos existentes, seguindo a xeometría e estrutura dos mesmos.

Reorganización en Arealonga 

No caso do Colexio CEIP Plurilingüe Arealonga, o proxecto da ampliación está neste momento en supervisión e a licitación está prevista para o cuarto trimestre de 2024. O investimento estimado é de 635.000€

Tras a integración da Escola de Educación Infantil EEI Vagalume neste centro, proponse a reorganización dos espazos do colexio, ao tempo que se constrúe unha galería pechada de conexión entre os dous edificios. Así mesmo, reacondicionarase o espazo interior da antiga casa do conserxe para ubicar a zona administrativa.
Ademais, acometerase a mellora da eficiencia enerxetica tanto no edificio do antigo EEI Vagalume como na devandita vivenda do conserxe, colocando illamento térmico de fachadas con inxección en cámaras, substituíndo as  cubertas e renovando fiestras e luminarias LED. Tamén se instalará un ascensor.