A Xunta confirma que realizará as melloras no colexio Rosalía de Castro de Carril

As obras consistirán na renovación dos aseos e fiestras pendentes ▶ O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, reitera que a casa do conserxe é competencia municipal, xa que nunca estivo adscrita a uso educativo
 
Fachada del colegio Rosalía de Castro de Carril. DS
photo_camera Fachada do colexio Rosalía de Castro de Carril. DS

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, mantivo onte unha conversa telefónica co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, para confirmarlle que a Xunta de Galicia vai realizar obras de mellora no colexio Rosalía de Castro de Carril. Nesta chamada, en resposta á carta remitida polo alcalde, Román Rodríguez explicoulle que as melloras consistirán na renovación dos aseos e fiestras pendentes, cuestión que tamén se lle confirmou ao Goberno municipal vía carta.

O conselleiro reiterou tamén que, segundo a información que traslada a Xefatura Territorial, a casa do conserxe é propiedade do Concello, xa que nunca estivo adscrita a uso educativo e foi sempre vivenda do conserxe municipal. Así mesmo, transmitiulle que a Consellería está en contacto co equipo directivo do centro para que a anpa poida seguir empregando unha das aulas como viña facendo. Anteriormente facían uso da casa do conserxe, o que quedou descartado en xaneiro de 2022 ao determinar o propio Concello que o local non estaba nas condicións axeitadas.

Cómpre lembrar que o Goberno galego ten investido máis de 320.000€ en melloras neste colexio nos últimos anos, o que incluíu a renovación de gran parte dos aseos, priorizando os que usan os nenos.