A Xunta avoga por un tecido produtivo aberto ás persoas con discapacidade

Rivo lembrou que aínda que entre 2014 e 2021 a incorporación das persoas con discapacidade ao mercado laboral galego incrementouse máis dun 71%
O encontro en Vilagarcía. DS
photo_camera O encontro en Vilagarcía. DS

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, avogou onte por un tecido produtivo aberto, forte e dinámico, que inclúa ás persoas con discapacidade no mercado laboral para dar resposta ao reto de cubrir as necesidades existentes de man de obra, no marco da clausura da xornada Aportando talento á túa empresa, organizada pola entidade Inserta Emprego da Fundación Once en Vilagarcía.

Rivo lembrou que aínda que entre 2014 e 2021 a incorporación das persoas con discapacidade ao mercado laboral galego incrementouse máis dun 71%, cómpre seguir a traballar pola diversidade do talento nas empresas. Neste sentido, O Goberno galego reeditou este ano o Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social, integrado por oito liñas de actuación ao que está a destinar 44 millóns de euros para fomentar a contratación e a formación de 6.000 persoas. «Pretendemos construír unha Galicia que non deixe a ninguén atrás, creando contornas laborais máis inclusivas», remarcou a conselleira, que tamén agradeceu o traballo de Inserta Empleo, que con xornadas como a celebrada onte visibilizan, con situacións reais, os beneficios que tanto para a economía como para a sociedade galega supón a incorporación de persoas con discapacidade.