A Xunta anuncia en Vilagarcía un investimento de 70.000 euros para árbores senlleiras galegas

▶ A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, visitou o Pazo de Rubiáns, cuxo xardín alberga tres elementos do catálogo
Visita aos xardíns do Pazo de Rubiáns este venres. DS
photo_camera Visita aos xardíns do Pazo de Rubiáns este venres. DS

Ata 70.000 euros será o total do investimento que a Xunta de Galicia aportará nunha nova convocatoria de axudas dirixidas a propietarios particulares e entidades locais para executar actuacións de mellora, conservación e divulgación das 184 árbores e formacións incluídas a día de hoxe no catálogo galego de árbores senlleiras. Así o anunciou este venres a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante unha visita ao Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, cuxo xardín alberga tres elementos incluídos no catálogo.

O investimento acábase de publicar no DOG en dúas ordes, unha dirixida a concellos ou agrupacións locais que sexan titulares dalgún destes elementos, dotada con 30.000 euros, e a outra, a persoas físicas ou xurídicas propietarias dunha árbore ou formación senlleira, cun orzamento de 40.000 euros. As axudas, vixentes ata o 17 de xaneiro, poden chegar a cubrir ata o 100% do custo da actuación, cun límite de 4.500 euros por árbore e de ata 8.000 euros cando se trate dunha formación.

Campo explicou que os propietarios do Pazo de Rubiáns recibiron un total de 7.650 euros este ano para mellorar o aspecto e o estado de conservación dos tres elementos senlleiros dos seus xardíns.

Trátanse, en concreto, dun conxunto de alcanforeiros (árbore subtropical que se cultiva con fins ornamentais na Península Ibérica), de tres magnolios grandifloras de entre 175 e 200 anos de antigüidade, e dunha formación integrada por 13 eucaliptos de grandes dimensións e que se calcula que teñen ao redor de 140 anos.

Entre o tipo de intervencións subvencionables cómpre subliñar a realización de podas, formación e control da copa, a aplicación de tratamentos fitosanitarios, accións encamiñadas á conservación e mellora do entorno dos elementos catalogados, actuacións de divulgación e sinalización, e a realización de estudos.

Desde o ano 2020 a Xunta reservou un total de 400.000 euros ao financiamento destas ordes de axudas (incluídas as que se veñen de convocar) e doutras actuacións de divulgación e promoción impulsadas pola Consellería como a guía de árbores e formacións senlleiras.