Xosé Castro Ratón: “O voluntariado social é unha obriga”

Chegou a Vilagarcía no ano 1978 ▶ Dende entón, foi un trotamundos da empleo, pasando pola política, a cultura ou defensor do galego
photo_camera Xosé Castro Ratón para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A miña historia
Nacín o 25 de xullo de 1956 nunha parroquia do concello de Chantada, por tanto son desa Galicia profunda. A altura dos 11 anos, meus pais aproveitaron unha convocatoria que se facía para ingresarme nun seminario. Fun alumno durante catro anos dentro do que é a orde franciscana, ou dito en latín: Ordo Fratrum Minorum. Aí fixen o bacharelato elemental. Unha etapa cuns compañeiros de andaina que foron axudando a crear un estilo de ser, entre eles está o artista Antón Lamazares, e acaba de consagrarse arcebispo da diócese de Mérida, en Badajoz, Xosé Rodriguez que é tamén un compañeiro da época. Con 14 ou 15 anos, os meus pais trasladáronse para Ourense e decidiron que pasase a estudar no Instituto Masculino de Ourense. Unha experiencia que me achegou a unha xente relevante entre o profesorado que tiven eu, como Francisco Rodríguez que iniciaba o seu periplo como docente en Galicia naquela época. Ese Instituto, que hoxe é o Instituto Blanco Amor, en anos posteriores tivo alumnos como Núñez Feijóo e outros que siguen facendo historia daquel centro. Despois opositei e incorporeime a Correos e Telégrafos como oficial postal, logo pasei a executivo postal e de telecomunicación, estiven dous anos en Cataluña e desde o 1 de decembro de 1978 en Vilagarcía da que xa non me volvín mover. Levo aquí máis de 45 anos.

Es máis de Vilagarcía que de ningún outro sitio?
Vilagarcía para min é o elemento fundamental. Aquí casei e aquí naceron os meus dous fillos e o meu neto. 

Como chegas desde Correos a xubilado de banca?
Porque á altura do ano 2000 se acordou a fusión de Argentaria e o antigo BBV para pasar ao que actualmente se denomina BBVA (Banco Bilbao Vizcaya Argentaria), no que xubilei hai dous anos despois de estar 45 anos, dous meses e cinco días. 

E o sindicalismo?
Tiven unha participación sindical máis ou menos activa. Fun negociador no ámbito estatal representando sindicatos de Galiza, primeiro no proceso de fusión de Argentaria e logo no acordo laboral cando se formou a nova entidade de BBVA. E nos últimos anos, antes da xubilación, presidín o Comité de Empresa a nivel provincial. 

Pero tamén fuches libreiro.
Foi pola miña participación no mundo do libro, non como autor, que tamén o son, senón do que foi a libraría familiar. A altura do ano 84 arrancamos coa Libraría Limiar. Aí cumprín a función de animación. Fixen un grandísimo esforzo para que por Vilagarcía pasara a maioría das persoas que nese momento eran referentes na literatura galega.  

Entón no teu mundo extra laboral, eras un activista cultural?
Hai un par de cousas que me marcan de forma especial. Unha, sobre o ano 80, a Asociación Cultural Xiabre; pero sobre todo, a partir do 82-83, o Ateneo de Arousa que foi unha iniciativa da que eu fun un dos seus fundadores, o seu primeiro secretario e o seu segundo presidente, nun tempo que fomos referente cultural. Desde a primeira exposición colectiva de pintura onde estaban algúns dos que logo serían os nosos grandes artistas, pasando pola estrea dunha obra de teatro, Pordioseros, do grupo Máscara17 de Vigo, que fora prohibida; ata o que agora é a Agrupación Micolóxica Cantarela que naceu con nós. A nosa pegada era ampla e moi diversa.

Eran bos tempos para as artes en Arousa?
Vilagarcía tivo nese período de tempo unha auténtica eclosión no ámbito da pintura e logo da escultura, igual que dos anos 2000 para acá o tivo no ámbito da fotografía. E o Cine Club Adega nese período de tempo ten unha vitalidade igual a dos mellores cineclubes galegos. 

Que pasou?
Era un ambiente. Era saír e ir ao ámbito dos bares na noite de Vilagarcía a continuar a vida cultural, por tanto creábase comunidade, era dunha vitalidade enorme. Logo a partir de mediados dos 90 as cousas van evolucionando. Desde o punto de vista das tendencias e os comportamentos personais nunca vamos poder facer que algo, que nun momento determinado ten un impacto moi grande, continúe con ese ritmo. 

Empeorou o ambiente cultural?
Perdeu. Pero eu non creo que empeorara. Son tempos distintos. Calquera tempo pasado foi diferente. Non é mellor nin peor. Vilagarcía tivo unha dinámica, ten outra dinámica e terá outra dinámica. E todas son magníficas dinámicas porque é a expresión viva de que somos unha cidade.

Como son os de Vilagarcía?
Aproximadamente un 35% das persoas que residimos en Vilagarcía nacemos fóra. Pero alguén coma min que leva 45 anos vivindo aquí é máis de Vilagarcía que de fóra. Eu creo que esta é unha sociedade aberta cunhas características culturais moi propias da xente que viviu pegada ao mar. No seu día tivo ao mellor unhas oportunidades que ao interior non se lle brindaban. Contactos con xentes de fóra que no interior eran impensables. Incluso cando eu cheguei aquí eran míticos os barcos rusos que viñan cargar latas de conservas de Megasa e iso creaba unhas relacións singulares.

Cando nace en ti a necesidade de defender o galego?
O meu idioma de referencia é a lingua galega. Pero foi desde os tempos do instituto. A miña militancia política arranca nos anos 74-75, e desde ese momento teño un vínculo co nacionalismo. Eu entendo que nós necesitamos ser os que tiremos da defensa da identidade colectiva pero tamén dos intereses da xente que vivimos aquí. Partindo sempre dun alto grado de solidariedade co mundo, temos necesidades concretas. 

Por que deixas a política activa?
Eu son dos que entendo que debemos facilitar que haxa unha mobilidade na participación política e tamén que todos temos un tempo limitado de participación razoable, que ten un altísimo costo para as nosas familias.

Sínteste parte do pasado?
Son pasado. Tempo pasado. 

E como ves o futuro?
Con incertidume; pero ao final todo futuro é algo por descubrir. Eu son optimista.

É certo que o galego se perde?
Intento contribuir desde a miña responsabilidade como pai, como persoa, como cidadán para que se manteña. Vexo unha situación dramática? Afortunadamente non. Preocupante? Si, porque nos gustaría que o galego tivera unha situación idéntica á de outros territorios do estado español. No mundo hai miles de linguas, moitas delas ten un desenvolvemento moi inferior ao que ten a lingua galega. Hoxe temos presenza escrita, temos presenza audiovisual, en moitos espazos que historicamente non tiña a lingua galega. Con todo, á hora de compararnos nese espello, visto o desenvolvemento que tivo as políticas de normalización noutros territorios, o noso quedou relegado. É un tema político. 

Que queda daquel mozo de Ourense?
No fondo sigo sendo aquel rapaz do instituto. Fogueado pola vida, pero sigo sendo aquel rapaz.

E como era aquel rapaz?
Era un rapaz interesado por coñecer mundo e vivir experiencias. Non só por coñecer mundo, senón por facer un mundo mellor, máis solidario, mais igualitario. Non o conseguín, pero sigo empeñado nesa dinámica.

Tres palabras que te definan.
Vou dicirche tres palabras que eu pretendo que formen parte da miña vida: Paciencia, Calma e Empeño. Hai que seguir creando cousas ou intentando facer cousas.

Fálame das cousas que trouxeches.
Este é un mando dun equipamento que hoxe da acceso ao mundo audiovisual, non é o mando da TV nin dun especifico canle de operadores de telefonía. É un mando aberto que convirte o televisor na suposta televisión intelixente. Abre moitas posibilidades, e agora na miña situación teño un tempo precioso para disfrutar dese mundo audiovisual, dos documentais, dos tutoriais, dese novo campo da información. 

Cal é a túa situación?
Voluntario da iniciativa cultural.   

E a palabra xubilado?
En portugués a palabra que se utiliza é a de “reformados”. Son un reformado. Sigo participando nalgunhas entidades de memoria e cultura, na Fundación Alexandre Bóveda da que fun cofundador e na iniciativa cidadán da memoria democrática en Vilagarcía, a Fundación galega contra o Narcotráfico...

Non paras.
É unha obrigación moral seguir estando porque, ao final, é ese voluntariado social ao que estamos obrigados. 

Por que escribiches sobre Díaz Castro?
É un libro a petición da Fundación Amigos de Galicia. Díaz Castro ten un vínculo especial con Vilagarcía, foi profesor no Instituto León XIII e tamén no Colexio Filipenses onde daba clases de alemán. O León XIII naceu polo impulso dos irmáns Couto de Ourense que utilizaron as instalacións dun antigo secadoiro de peixe e as reconverteron, primeiro nunhas colonias de verán, que era unha proposta vangardista a nivel educativo, e finalmente no colexio León XIII a onde enviaron a un seu fillo, Xosé Núñez Búa, unha persoa fundamental no galeguismo da etapa republicana. Agora que se fala do centenario do Seminario de Estudos Galegos, aí estaban Fermín Bouza Brey, ou Carús, Aquilino Iglesias Alvariño, Xosé Crecente Vega, é dicir, un mundo que conecta co ámbito intelectual en Vilagarcía e co do galeguismo. 

TEST DE VIDA

Unha palabra?
Empatía.
Un lugar?
Vilagarcía, cunha querencia especial polo paseo beiramar Carril-Vilaxoán.
Unha persoa?
Manoli, a muller coa que levo casado máis de 40 anos.
Unha personaxe?
Alexandro Bóveda. 
Alguén importante?
A familia. Os meus fillos Roi e Martín e o meu neto Mateo.
Un obxecto?
Agra mesmo o meu obxecto de referencia é o smartphone. 
Unha ferramenta?
O ordenador que para min é a conexión co mundo.
Alguén imprescindible?
Moita xente.
Qué é a vida?
É unha senda, un camiño, un vieiro cheo de encrucilladas pero ao mesmo tempo cheo de posibilidades, de esperanzas e de felicidade.