As xornadas de cociña saudable e aproveitamento volven á Praza de Abastos o xoves

O televisivo cociñeiro Xoanqui Ameixeiras será o encargado de levar a cabo esta sesión gastronómica
Plaza de Abastos de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Plaza de Abastos de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

As xornadas de cociña saudable e de aproveitamento Segunda volta que organiza a Concellería de Promoción Económica do Concello de Vilagarcía regresan á Praza de Abastos este xoves, 6 de outubro, da man do popular e televisivo cociñeiro Xoanqui Ameixeiras.

A sesión desenvolverase no espazo gastronómico sito no primeiro andar no mercado público a partir das 11.30 horas. O público pode asistir libremente e de balde para ver como se cociñan saboroso e saudables pratos elaborados cos produtos de tempada que se ofertan na sala de abastos.

O departamento que dirixe Alba Briones organiza estas xornadas co obxectivo de dinamizar a Praza de Abastos á vez que promocionar a economía circular e a cociña económica e saudable. Por iso todas as receitas serán elaborados cos produtos de proximidade que se venden no mercado público, incidindo no aproveitamento das sobras duns pratos para elaborar outros, de xeito que todo se aproveite nesta ‘segunda volta’.

Trátase tamén dunha forma de facer cociña económica, sinxela e saudable. A actividade execútase a través do programa Vilagarcía Avanza, financiado cos fondos europeos das EDUSI.