Os vilagarciáns reciclaron 75 toneladas de roupa usada cun convenio entre Concello e Cáritas

A administración local colabora co programa Arroupa mediante a exención das taxas de ocupación de vía pública dos 17 contedores para a recollida de prendas ▶ A iniciativa permite a Ravella aforrar o custe de xestionar as 75 toneladas de residuos e á ONG xerar postos de traballo para persoas en risco de exclusión ▶ Trátase dunha máis da medidas de redución e reutilización de residuos sólidos urbanos que está a desenvolver o Concello para os distintos tipos de lixo
De izquierda a derecha: Tania García, Anuncio Mouriño, Alberto Varela y Lino Mouriño. DP
photo_camera De izquierda a derecha: Tania García, Anuncio Mouriño, Alberto Varela y Lino Mouriño. DP

Os veciños e veciñas de Vilagarcía seguen contribuíndo á redución de residuos mediante distintas prácticas de reciclado e aos medios que para elo pon a súa disposición o Concello. No relativo á roupa usada que se desbota, a administración local colabora dende hai anos con Cáritas Diocesana para o desenvolvemento do programa Arroupa, a través do cal en 2022 se lograron reutilizar 69.228 quilos de prendas recollidas nos 17 contedores distribuídos polo municipio en base ao convenio entre ambas institucións. A suma elévase aos 75.408 quilos (case 75 toneladas) si se engade a roupa depositada no Roupeiro Parroquial e no contedor instalado no Alcampo.

Arroupa é un programa de inserción laboral posto en marcha por Cáritas Diocesana co obxectivo de proporcionar un posto estable de traballo a persoas en situación de exclusión social de xeito que dispoñan da estabilidade económica necesaria para permitirlles saír desa situación. O Concello de Vilagarcía colabora nesta iniciativa de carácter socio-laboral a través da firma dun convenio que exime a Cáritas do abono das taxas por ocupación da vía pública dos 17 contedores de recollida de roupa distribuídos por todas as parroquias da cidade.

Os beneficios desta iniciativa son mutuos. Arroupa mantén os postos de traballo das persoas que se encargan da recollida e transporte das prendas, das que se encargan da súa separación e arranxo e das que atenden as tendas de venta de roupa de segunda man. E o Concello consegue reducir o volume de residuos dos que ten que desfacerse e, por cuxa xestión ten que pagar. Esta política de redución de residuos ten os seus froitos ao aplicarse tamén a outros tipo de desperdicios para o que o Concello dispón de programas de reciclado (envases lixeiros, vidro, cartón, pilas, voluminosos, aparellos electrónicos…), ou que está promovendo e ampliando (os plans de compostaxe e de recollida da fracción orgánica do lixo). Sumando uns e outros, ao cabo do ano, o aforro económico e considerable e o beneficio ao medio ambiente incalculable.

Reubicación de 8 puntos de recollida

Dentro das políticas que está desenvolvendo o Concello para ampliar e mellorar os sistemas de xestión e reciclado de residuos, ao longo do ano 2022 leváronse a cabo unha serie de cambios para optimizar o funcionamento destes programas e facilitar o seu uso por parte da cidadanía. Un deles foi a concentración nun mesmo punto de diferentes contedores para os distintos tipos de residuos. Froito desta actuación, o emprazamento de 8 dos contedores de recollida de roupa conveniados con Cáritas cambiaron de emprazamento dentro dunha mesma zona. Por iso, aínda que o número de depósitos do Arroupa son 17, os puntos que aparecen rexistrados o ano pasado chegan aos 25, xa que outro contedores estiveron no emprazamento orixinal o primeiro semestre do ano e no actual durante o segundo.

As cifras

No que respecta aos contedores para recollida de roupa usada a través do programa de Cáritas, os resultados máis avultados son os que se rexistraron no punto da Praza da Constitución (8.491 quilos) e no do Piñeiriño (8.420), os dous máis concorridos tradicionalmente, seguidos dos do adro da igrexa de Santa Baia de Arealonga (5.261 quilos), Avenida López Ballesteros (4.949) e o da Rúa San José (4.429 quilos). No contedor de Carril foron depositados 3.801 quilos de prendas e 3.301 no de Rodrigo de Mendoza.

Na franxa das 2 toneladas se situaron os puntos de recollida da Rúa Coca (2.502 quilos), avenida de Cambados (2.497), Praza Ravella (2.440), As Carolinas (2.361), Matosinhos (2.325), Rúa do Adro (2.288), avenida as Carolinas 32 (2.168), igrexa de Rubiáns (2.111) e no da Rúa Primeiro de Maio (2.026). Os veciños de Vilaxoán contribuíron a reciclar 1.797 quilos de roupa no contedor da localidade, cantidade similar ao da avenida da Mariña (1.789) e seguida dos da Rúa do Porto (1.546) e pavillón de Fontecarmoa (1.400 quilos). Por debaixo da toneladas tamén se recuperou roupa usada nos contedores das zonas menos urbanas como na Rúa Sobreira (920 quilos),Trabanca Sardiñeira (571), Bamio (423) e Castroagudín (286 quilos).

A maiores, xa fora de terreos de titularidade pública tamén se recolleron 4.791 quilos de prendas no depósito que Cáritas ten instalado no Alcampo e outros 1.389 do Roupeiro Parroquial de Santa Baia de Arealonga.