Vilagarcía e Santiago reforzan o seu vínculo coa presentación da feira literaria

A capital de Galicia acolleu a presentación do evento ‘Vilagarcía, Cidade de Libro’, que se desenvolverá na vila arousá do 13 ao 19 deste mes
Presentación Vilagarcía, Cidade de libro na biblioteca Ánxel Casal. DP
photo_camera Presentación Vilagarcía, Cidade de libro na biblioteca Ánxel Casal. DP

A biblioteca compostelá Ánxel Casal acolleu a presentación de Vilagarcía, Cidade de Libro, a feira literaria que se desenvolverá na capital arousá do 13 ao 19 de xuño e pola que pasarán autores nacionais e galegos de primeira plana como Javier Cercas, Manuela Carmena, Manuel Jabois, Ledicia Costas, Ángel Martín, Marwan, Paula Carballeira, Ramón Villares ou Blue Jean, entre outros. O alcalde vilagarciano, Alberto Varela, presidiu un acto que contou coa participación da concelleira de Cultura do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; das edís de Xuventude e Cultura de Vilagarcía, Alba Briones e Sonia Outón, respectivamente, e do director da biblioteca, Jesús Torres.

A presentación do evento na capital de Galicia enmárcase nas actuacións de promoción cultural e turística que os concellos de Vilagarcía e Santiago acordaron levar a cabo de maneira conxunta o ano pasado a través da firma dun convenio de colaboración fundamentado nos vínculos históricos que unen ambos municipios, como a primeira liña ferroviaria de Galicia, ou que a localidade arousá sempre foi o mar de Compostela, dedicándolle incluso unha praia á cidade do Apóstolo. "Agora temos un vínculo máis de carácter cultural, as feiras literarias", dixo Alberto Varela.

A concelleira Mercedes Rosón apuntou que "tamén compartimos a forma de entender o libro e a literatura como un recurso humano que axuda ás persoas a medrar e a facer autocrítica, e que demostrou ser vital en momentos difíciles como os que vimos de atravesar coa pandemia, axudándonos a superar dunha forma máis sa e levadía o confinamento. Agora, recuperada a normalidade, con estes dous eventos tócanos sacar o libro ás rúas e darlle o recoñecemento que se merece".

Coa presentación en Compostela, o Concello de Vilagarcía busca aproveitar sinerxías e que o público que asista á SELIC, que se abre este sábado, coñeza a oferta vilagarciá e teña a oportunidade tamén de achegarse á feira a partir do luns, aproveitando a proximidade entre ambas cidades, distanciadas a só 20 minutos en tren