O Concello de Vilagarcía reunirá en illas os contedores de reciclaxe

▶ O obxectivo é acadar "un uso eficiente do espazo público" e unha maior comodidade para a cidadanía ▶ Xuntaranse nun mesmo punto os depósitos de aceite, roupa e cartón

 

Actualmente estase a levar a cabo a fase de traballo de campo para a localización dos actuais colectors. JOSÉ LUIZ OUBIÑA/ARQUIVO
photo_camera Actualmente estase a levar a cabo a fase de traballo de campo para a localización dos actuais colectors. JOSÉ LUIZ OUBIÑA/ARQUIVO

O servizo municipal de xestión de residuos do Concello de Vilagarcía está a aplicar varias medidas co obxectivo de "mellorar e optimizar a prestación", tanto de cara á cidadanía como no que respecta ao funcionamento interno do mesmo. No marco das actuacións, que tenden a "seguir elevando os índices de reciclaxe", tal como establecen as políticas e ropeas, o Goberno local está a reorganizar os puntos de recollida dos distintos tipos de residuos reutilizables. A efectos de facilitar a labor dos usuarios e tamén de optimizar o uso do espazo público, vanse reunir nun único punto os contedores de aceite de cociña, papel e roupa que actualmente estean dispersados nunha mesma zona.

Nestes momentos o as actuacións pasan polo traballo de campo para localizar os contedores existentes na actualidade, e así determinar o emprazamento e distribución idónea das novas illas de reciclaxe en base á poboación á que darán servizo. Todo isto plasmarase nun mapa de xeolocalización que se atopa en fase de construción. O estudo tamén permitirá levar a estes puntos os depósitos para a recollida de pilas e baterías que están diseminados de forma illada por varios puntos da cidade.

Outra das melloras en materia de reciclaxe de residuos urbanos afecta á recollida de aceite de cociña de uso doméstico, que foi ampliada e xa dá cobertura a todas as parroquias do municipio. Na últimas semanas, e en colaboración coa empresa que xestiona o tratamento do residuo, procedeuse á instalación de novos depósitos para a recollida de aceite, chegando na actualidade a contar con 38 puntos.

Ademais, implantouse a recollida de roupa e téxtiles no Punto Limpo de Pinar do Rei, ao que os veciños particulares poden dirixirse para desbotar tamén residuos voluminosos, aparellos electrónicos econtaminantes, como tubos fluorescentes, pilas ou pinturas, e tamén está prevista a instalación doutro depósito para a recollida de textiles nas inmediacións da Praza de Abastos.

A maiores, próximamente instalaranse 10 novos depósitos azuis de papel e cartón, para suplir aos que se atopan en mal estado, e colocaranse dous novos contedores amarelos de envases lixeiros nas inmediacións de centros de día.