Vilagarcía abre este venres a mostra que repasará os primeiros 40 anos da Festa da Auga

O espazo, que estará ubicado na Sala Rivas Briones a partir do 5 de agosto, contará co 20 camisetas, 100 fotografías, retratos dos pregoeiros, obxectos e documentos relacionados coa celebración dende 1978

Imaxe da última celebración da Festa da Auga en 2019. DS
photo_camera Imaxe da última celebración da Festa da Auga en 2019. DS

A Sala Rivas Briones acollerá dende o vindeiro venres, día 5 de agosto, e ata mediados de setembro, unha exposición que, baixo o título Aquí non chega! fará un percorrido tan nostálxico como divertido sobre os primeiros 40 anos da Festa da Auga. Utilizando como leit motiv as camisetas que se foron facendo nas últimas décadas, especialmente dende que en 1991 se oficializou a festa, a mostra acolle tanto unha cronoloxía como textos de época, e igualmente todas as camisetas que fixo a denominada Comisión da Auga e preto das 90 que cederon temporalmente colectivos e persoas a nivel individual. Ademais, icluirá tamén preto de 100 fotografías e un vídeo que percorre as festas de San Roque en xeral, e a da Auga en particular, dende 1978 ata 2019, a súa última edición: un relatorio que, segundo o Goberno local, dará moito que falar porque nel se recoñecen a moitas persoas con 40 anos de diferenza entre as primeiras e as últimas imaxes.

O vídeo foi realizado por Rafael Sabugueiro con imaxes propias e as tomadas polo seu pai, do mesmo nome, cando aínda non había os medios dixitais que hai hoxe. Ademais, a mostra recolle tamén escollidas fotografías que durante todo este tempo realizaron diversos profesionais para distintos medios de comunicación: Xosé Luis Abalo, Vítor Mejuto, Juan Carlos Roma, Martina Miser, Mónica Irago, Mónica Ferreirós, Xosé Rañó, Noé Parga, Gonzalo Salgado, Cristina Durán, José Luiz Oubiña e Iñaki Abella. Neste sentido, Concello quixo agradecer públicamente a entusiasta participación de todos estes profesionais no proxecto.

Moitas desas fotografías, tomadas entre 1984 e 2019, son as que dende hai uns días se poden ver en gran formato en 12 valados publicitarios e 30 marquesiñas de autobús. Xunto coas que xa están na rúa, na mostra haberá moitas máis, algunhas tomadas por particulares, e todas darán unha visión de conxunto moi atinada de como naceu a festa, sobre a que hai varias teorías, e cal foi a súa evolución.

Na mostra terán especial protagonismo os pregoeiros e pregoeiras que deron voz á multitude dende 1991, dende Morris a Carlos Blanco, pasando por Miguel de Lira, Tacho González ou Vidal Bolaño, na súa épica encarnación de Carmiña Burana, por citar só algún exemplos. Con todo, neste apartado haberá un recordo especial para un dos pregoeiros máis queridos e recordados: Vicente Avilés, o dono do Xentes, que sorprendera a todos guindando as súas míticas croquetas de chourizo no canto de auga. Os retratos foron realizados a partir de fotografías, da man da deseñadora Cristina Durán.

A exposición, que ocupará os dous andares da sala, amosará tamén obxectos típicos da festa e outros documentos que relatan a súa evolución, coma os propios programas de man.