Vilagarcía reduciu en 2022 tanto a xeración de lixo convencional como de voluminosos

A cantidade de desfeitos recollidos o ano pasado do contedor verde tradicional descendeu a 14.383 toneladas, case un 2% menos que en 2021
El pliego de condiciones establece, entre otras medidas que serán renovados todos los contenedores. FS
photo_camera Contenedores en Vilagarcía. FS

Os habitantes de Vilagarcía xeraron ao longo de 2002 menor cantidade de residuos sólidos urbanos que o ano anterior, segundo se desprende das memorias anuais das empresas que operan no municipio, tanto no que se refire ao lixo convencional como á recollida selectiva. O residuo máis importante en canto a volume é o da bolsa tradicional do lixo, o que desbotamos nos contedores verdes, dos cales se retiraron 14.383.300 quilos de desperdicios o ano pasado. Isto supón algo menos do 2% respecto a 2021.

Os tipos de residuos que máis notaron a diminución foron os voluminosos e o papel/cartón, con reducións do 9,5% e do 9,8% respectivamente. En termos case similares se mantivo a recollida do contedor amarelo, que baixou tan só o 0,4%. Pola contra a recollida de vidro incrementouse un 3,6%.

Máis cantidade nos meses de verán e no Nadal

A análise dos datos da recollida da denominada "bolsa do lixo" permite deducir as dinámicas da cidade. Por exemplo, ao comprobar que os meses do ano nos que se concentra o maior volume de residuos recollidos dos contedores verdes convencionais son os meses centrais do ano, de maio a agosto, especialmente neste último, cando a cifra acadou o máximo con 1.324.120 quilos. Isto atopa a súa explicación no aumento de poboación que rexistra a cidade co turismo vacacional e o de segunda residencia.

Fora da época estival, destaca o mes de decembro, con niveis especialmente altos cada ano que se poden ligar ás celebracións de Nadal e a un maior consumo en xeral. En 2022, neste mes recolléronse 1.210.760 quilos de lixo.

Un apartado especial merecen os residuos chamados voluminosos, que son aqueles que non se poden desbotar no contedor convencional do lixo e que deben ser trasladados persoalmente ao Punto Limpo ou dar aviso ao servizo de recollida establecido polo Concello o primeiro e terceiro martes de cada mes. En 2022 recolléronse 131.240.000 quilos de residuos voluminosos cando en 2021 foran 145.280.000.

No que á recollida selectiva se refire, en termos absolutos, do contedor amarelo destinado a envases lixeiros de plástico, PVC, latas e briks, retiráronse en 2022 un total de 807.470 quilos de residuos fronte aos 811.130 no ano anterior. Como xa se avanzara, os contedores azuis destinados ao depósito de papel e cartón tamén estiveron un pouco máis lixeiros o ano que se vén de pechar, no que se recolleron 548.244 quilos destes materiais fronte aos 607.840 do anterior.

Recuperación, reciclado e reutilización

Á diferenza do lixo depositado nos contedores verdes, que é o que se traslada ás plantas de Sogama para incinerar, os desperdicios dos demais sistemas de recollida selectiva reutilízanse e recíclanse, permitindo unha xestión máis sostible dos residuos sólidos urbanos e mellorando o medio ambiente. Outro dos materiais que é altamente reciclable e do que se produce unha cantidade importante de desperdicios é o vidro. Neste caso, o reciclado de envases deste material incrementouse un 3,65% respecto ao 2021, ao ter pasado das 545,80 toneladas dese ano ás 565,74 de 2022.

2,2 toneladas de pilas 
Por ultimo, e como produto contaminante que debe ser convenientemente xestionado e eliminado, nos 12 depósitos recollida instalados en distintas rúas do casco urbano de Vilagarcía, o ano pasado lográronse recuperar para un correcto tratamento dos seus compoñente 2.252 quilos de pilas.