Vilagarcía recupera o servizo de comedor nos campamentos urbanos de verán

Se ofertan 70 prazas para rapazada de 3 a 7 anos cun prezo de 45 euros por quincena suxeito a bonificacións
Campamento urbano 3
photo_camera A rapazada terá este ano dispoñible o servizo de comedor. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Concellería de Xuventude do Concello de Vilagarcía convoca unha nova edición dos Campamentos Urbanos de Verán que este ano, superadas xa todas as restricións impostas pola pandemia, recuperan o servizo de comedor. O programa socio educativo está orientado a nenos e nenas de 3 a 7 anos de idade e desenvolverase do 3 de xullo ao 11 de agosto en horario de mañá. A cota máxima a abonar polos usuarios será de 45 euros por quincena e 5 euros diarios polo comedor, taxas suxeitas a distintas bonificacións en base á situación económica e familiar dos participantes, pudendo chegar á gratuidade. O ofértanse 70 prazas e o prazo de inscrición vai do 11 ao 21 de abril.

A Xunta de Goberno Local aprobou as bases de inscrición e funcionamento dos Campamentos Urbanos de Verán 2023, destinados a nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de decembro de 2019, empadroados en Vilagarcía e cuxos proxenitores (ou proxenitor en caso de familias monoparentais) teñan unha actividade laboral ou participen nun proceso de formación regrado ou oficial no horario de desenvolvemento do servizo. Tamén poderán optar aos campamentos nenos e nenas que non estean empadroados pero cuxos pais demostren documentalmente que desempeñan a súa actividade laboral no municipio.

Ambos servizos prestaranse no mesmo centro educativo da cidade, pudendo os beneficiarios optar por facer uso só dos campamentos ou tamén do servizo de comedor. O programa funcionará de luns a venres en horario de 9 a 14 horas, que se prolonga ata as 15 horas para os usuarios do comedor. As familias que precisen do Plan Madruga deberán facelo constar na inscrición, o que lles permitirá deixar aos nenos e nenas entre as 8 e as 9 da mañá.

Co obxecto de que as familias poidan axustar o mellor posible as súas obrigas e vacacións laborais co período vacacional dos escolares, poderán optar por acudir aos campamentos o mes e medio completo ou elixir unha ou dúas das quincenas. A cota a pagar é proporcional ao período, establecéndose un máximo de 45 euros por quincena. O prezo por facer uso do comedor é de 5 euros por usuario e día. En ámbolos dous casos, aplicaranse reducións de prezos en base a situación económica (renta per cápita referenciada no IPREM) e familiar dos usuarios (familias numerosas, por segundo fillo usuario no servizos, etc..), chegando incluso ata a gratuidade.

As 70 prazas dispoñibles adxudicaranse en base á puntuación obtida na baremación e tendo en conta que hai unha reserva previa do 25% para familias usuarias dos servizos sociais municipais e que terán acceso directo ao servizo os fillos de nais que se atopen en situación de violencia de xénero.

As inscricións deben presentarse entre o 11 e o 21 de abril de forma online a través da sede.vilagarcia.gal ou presencialmente no Rexistro Xeral do Concello. Os formularios poden recollelos no departamento de Xuventude ou baixalos da sede electrónica, e presentalos cubertos xunto coa documentación que se indica nas bases que se poden consultar no taboleiro de anuncios da web municipal.

A lista provisional de admitidos publicarase o 9 de xuño tras o cal habilitarase un prazo de 10 días para subsanar documentación ou presentar alegacións.