Vilagarcía porá en funcionamento catro puntos limpos móbiles con 45 paradas

Os sistemas de transporte foron adxudicados á empresa Baygar por 51.837 euros, grazas á financiación dos Fondos Next Generation da Unión Europea

Os puntos limpos percorrerán as rúas de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Os puntos limpos percorrerán as rúas de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Vilagarcía contará, no sucesivo, con catro puntos limpos móbiles a remolque que comezarán a operar polas parroquias nas vindeiras datas, co obxectivo de "ofrecer aos veciños un novidoso sistema de recollida selectiva á porta da casa". Así, o Goberno local vén de adxudicar o subministro á empresa Baygar por valor de 51.837 euros, o que supóin 2.000 euros menos do prezo de licitación.

A falta de rotulalos coa identidade corporativa do Concello, o servizo comezará a funcionar de xeito inmediato, con ata 45 emprazamentos distintos en todas e cada unha das parroquias do municipio. O investimento foi posible grazas aos Fondos Next Generation da Unión Europea, que destina a Vilagarcía tres millóns de euros.

Os catro puntos móbiles facilitarán a reciclaxe, evitando que os veciños teñan, como ata agora, que desprazarse ao Punto Limpo de Pinar do Rei, para desfacerse de gran parte dos refugallos. A través de compartimentos de distintos tamaños e perfectamente sinalizados, os usuarios poderán desbotar fluorescentes e lámpadas, tóner de impresoras, pequenos electrodomésticos, xoguetes e outros plásticos duros (aínda que non envases), electrónica, informática e telefonía, aerosoles e envases de pintura, pilas e baterías, aceite de cociña embotellado, radiografías, cds e dvds, cápsulas de café, material de escritura e ata textiles.

Os remolques móbiles serán de dous formatos, de 15 compartimentos de sete, para utilizar segundo as características do lugar a visitar, segundo pasen por rúas do casco urbano ou polo rural.

COLABORACIÓN CIDADÁ. Dende o Goberno local valoraron que confían en que este novo servizo teña unha boa acollida entre a veciñanza, polo que suporá nunha xestión máis eficiente, responsable e respectuosa co medio ambiente, "algo que implica a toda a poboación, non unicamente á administración". O material recollido nesas rutas por todo o termo municipal será despois depositado no Punto Limpo de Pinar do Rei para o seu posterior tratamento nos correspondentes centros autorizados, onde serán reciclados, cando sexa posible, ou destruídos de xeito seguro.