Vilagarcía pon a cobro o segundo semestre da taxa de recollida de lixo

Dos 23.664 recibos emitidos, 21.170 corresponden a vivendas e a baixos sen actividade
Contenedores de basura delante del Concello de Vilagarcía DS
photo_camera Contenedores de basura delante del Concello de Vilagarcía DS

O Concello de Vilagarcía de Arousa vén de abrir o período voluntario de pago da taxa municipal de recollida de lixo correspondente ao segundo semestre do presente ano 2023.

O padrón componse de 23.664 recibos mediante os que está prevista a recadación dun total de 1.442.277 euros. O prazo de cobro deu comezo o pasado 2 de outubro e rematará o vindeiro 4 de decembro, e ás persoas que teñan os recibos domiciliados e non estean subscritas ao plan de pagos personalizado, cargaráselles en conta o día 3 de novembro. Aos contribuíntes que non abonen o cargo no período voluntario, esixiráselles o pago mediante a vía de prema coa aplicación dos correspondentes xuros. Dos 23.664 recibos emitidos, a inmensa maioría, un total de 21.170, correspóndense con vivendas e con baixos sen actividade. 

O segundo grupo máis numeroso, pero a moita distancia da primeira posición, é o relativo a pequeno comercio e despachos, con 810 recibos, actividades que se complementan coas recollidas na ordenanza nos epígrafes de comercio e industria, con 157 recibos máis. 

No apartado de almacéns/garaxes constan 439 altas, mentres que no de garaxes (particulares e públicos), figuran un total de 316 altas. Nos epígrafes relativos a talleres profesionais e talleres de reparacións (nos que entra un variado grupo de actividades) contabilízanse 605 contribuíntes, e no de rochos e galpóns o número é de 108. 

Os contribuíntes que non teñan domiciliado o recibo deberán dirixirse ás entidades bancarias colaboradoras para realizar o pago (Abanca, BBVA, Banco Pastor, Banco Sabadell, Banco Santader e Caixabank). O trámite tamén se pode facer a través da Oficina Virtual Tributaria coa carta de pago (recibo) que se enviará ao domicilio dos contribuíntes. 

No caso de perda do devandito documento, os interesados poderán solicitar un duplicado na mesma Oficina Virtual ou nas so servizo de Recadación do Concello en horario de 8.30 a 14.30 horas. Os contribuíntes que queiran domiciliar os seus recibos deberán comunicalo neste mesmo depatamento cunha antelación mínima de 15 días antes da data de cargo en conta.

PLAN PERSONALIZADO.  Ademais, dende o Concello de Vilagarcía de Arousa lembran que para facilitar aos contribuíntes o pago de taxas e impostos municipais acomodándoo aos prazos que mellor lles conveñan, o propio Concello dispón dun Plan Personalizado de Pagos.

Con el, os cidadáns vilagarciáns poden dividir a suma total dos seus impostos e taxas municipais a pagar no ano (IBI, lixo, saneamento, circulación) en 11, 6 ou 4 mensualidades, ou mesmo decidir abonalos nun único pago anual, se así lles convén. 

A adhesión ao Plan Personalizado de Pagos pode solicitarse na Casa Consistorial de Vilagarcía antes do vindeiro 1 de decembro, a efectos de que se comece a aplicar o citado plan partir de xaneiro de 2024. Ás persoas que non se acollan a esta iniciativa seguirán aplicándoselle o sistema que rexe actualmente e ás que o teñan subscrito, renovaráselles de forma automática se non tramitaron a baixa do mesmo.