Vilagarcía investirá 52.000 euros en acondicionar o acceso ao miradoiro da Cruz de Xiabre

As obras comezarán de inmediato e afectarán aos 320 metros finais, con forte pendente
Localización do miradoiro. DS
photo_camera Localización do miradoiro. DS

O concello de Vilagarcía segue adiante co seu proxecto de poñer en valor o monte Xiabre como un dos principais atractivos da súa oferta turística. A Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia acaba de comunicar a aprobación do proxecto presentado polo goberno local para o acondicionamento do tramo final do acceso ao miradoiro da Cruz de Xiabre, que, dende a súa apertura, converteuse nun potente reclamo e recebe numerosas visitas. O investimento será d e 52.000 euros, dos que o 90% corresponden aos fondos europeos Next Generation, que neste caso xestiona a Xunta, e o resto, a fondos municipais.

A Concellería de Turismo, que dirixe Álvaro Carou, encargou o proxecto á empresa Ecoplanin, especializada en xestión e información ambiental. As obras comezarán de inmediato e só necesitarán unhas poucas semanas para velas concluídas. Basicamente, trátase de actuar nos últimos 320 metros no carreiro de acceso, con forte pendente e mal estado pola incidencia das escorrentas das augas. Actuar sobre este tramo foi, dende a apertura do miradoiro, unha das principais reivindicacións dos usuarios. Tamén unha preocupación do goberno local, que resolveu con éxito as súas xestións para lograr a financiación dos fondos Next Generation, en concreto pola liña 3, destinada á "transición accesible e inclusiva para un turismo mais competitivo".

Para evitar as dificultades que hoxe presenta o tramo final do acceso ao miradoiro e facer máis doada esa subida, a empresa tivo en conta o estipulado no Manual de aspectos constructivos de Caminos Naturales do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación do 2021. Así, a solución pasa por habilitar un camiño de xabre compactado de 125 centímetros de ancho e 21 de alto, con bordos de madeira tratada ao autoclave. A mellora inclúe nalgúns puntos a instalación de escalas de pasos largos, feitos integramente en madeira tratada.

Este investimento súmase ao que xa fixo o concello anteriormente, primeiro habilitando o miradoiro de ferro galvanizado arredor da icónica cruz, e despois contratando a sinalización que levará a viaxeiro dende a avenida de Rosalía de Castro, pero especialmente dende a zona de descanso en Fontefría, ata o camiño que, cunha lonxitude de 1.000 metros, leva directamente ao miradoiro. Un lugar situado a máis de 400 metros de altura dende o que se divisa o río Ulla e a ría de Arousa e a confluencia de ambos, unha illa –a de Cortegada- integrada nun parque nacional, os vales do Salnés e o Ullán e Vilagarcía de Arousa en toda a súa extensión. 

As intervencións arredor do miradoiro –a propia estrutura, a sinalización e agora o tramo final do acceso- forma parte dun plan global que pasa por poñer en valor o litoral de Vilagarcía de Arousa como atractivo turístico. De feito, o miradoiro é a última etapa das rutas mariñeiras que comezan en Vilaxoán e conclúen no Xiabre despois de percorrer a costa de Vilagarcía e Carril. É, ademais, unha reivindicación de Vilagarcía de Arousa como peza fundamental da ruta xacobea do río Ulla e mar de Arousa, a orixe de todos os camiños.