Vilagarcía habilita as dependencias para crear o espazo adicado á reutilización de residuos en Pinar do Rei

Os traballos adxudicados a Cuevas S.L. fináncianse cunha subvención autonómica de 20.000 euros máis 4.300 euros que achega o Concello
Punto Limpo de Pinar do Rei. DS
photo_camera Punto Limpo de Pinar do Rei. DS

O Concello de Vilagarcía ten previsto crear un punto de autorreparación e intercambio de residuos en Pinar do Rei no marco das medidas que está a levar a cabo para fomentar la reutilización e diminución de residuos no ámbito municipal. Para desenvolver esta nova iniciativa e coa finalidade de continuar mellorando a xestións dos residuos sólidos urbanos en termos de sostibilidade e coidado do medio ambiente, xa se están habilitando no Punto Limpo de Pinar do Rei as dependencias onde se emprazará o novo servizo.

A actuación supón un investimento de 24.318 euros que o Concello financia cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente de 19.999 euros (que cubre o 90% do custe do proxecto) máis unha achega municipal de 4.319 euros para completar o 10% restante e o IVE. As obras a realizar foron adxudicadas á mercantil Cuevas S.L. e consisten en acondicionar un silo dos existentes actualmente no Punto Limpo mediante a instalación dunha estrutura para a cuberta e peche con paneis sandwich, e na instalación eléctrica en superficie, dotando a dependencia de punto de luz sinxelo e varias tomas eléctricas.

Unha vez rematadas as obras de acondicionamento do local, o Concello deberá elaborar e aprobar o regulamento de funcionamento e uso do servizo de autorreparación e intercambio de residuos, a efectos de concretar, tanto a xestión, como as normas e sistema de utilización do novo servizo.

Proporcionar unha segunda vida aos aparellos

A creación deste novo servizo é unha iniciativa máis das que está a poñer en marcha a Concellería que dirixe Lino Mouriño para optimizar a xestión dos residuos municipais en base aos criterios de sustentabilidade medioambiental. Preténdese elevar ao máximo os niveis de separación en orixe e de reciclado de todo tipo de residuos susceptibles de ser reutilizados co obxectivo de diminuír os custes medioambientais e económicos que conleva a súa eliminación convencional.

Co espazo de autorreparación e intercambio de residuos búscase que, por exemplo, un aparato eléctrico, un electrodoméstico ou mesmo un moble que se rompe, poida ser arranxado con pezas sacadas doutros obxectos depositados no Punto Limpo, de xeito que se aproveitan eses elementos e se dá unha segunda vida ao aparato inicialmente avariado antes de decidir desbotalo de forma definitiva.