Vilagarcía, finalista nos premios 'Bikefriendly' 2023

Opta ao galardón que concede a Rede de Cidades pola Bicicleta na categoría Educación e Promoción, competindo cos proxectos presentados polas cidades de Murcia, Vitoria-Gasteiz e Elche 

 

 

Bicicletas do VaiBike!. DS
photo_camera Bicicletas do VaiBike!. DS

A labor que o Concello de Vilagarcía está a facer para promover o uso da bicicleta como medio de desprazamento alternativo, saudable e sostible obtivo o recoñecemento da Rede de Cidades pola Bicicleta, organismo que acaba de seleccionar á capital arousá como finalista dos Premios Bikefriendly 2023. Vilagarcía opta ao galardón na categoría de Educación e Promoción xunto con outras tres cidades: Vitoria-Gasteiz, Elche e Murcia. Independentemente do que finalmente falle o xurado o vindeiro 2 de marzo, o executivo local destaca que competir ao nivel de grandes cidades que contan con poboacións de entre 230.000 e 447.000 habitantes, "é xa todo un premio para un municipio de tan só 37.600 veciños e cuns recursos e posibilidades limitadas ao seu tamaño".

Os Premios Bikefriendly son un recoñecemento que a Rede de Cidades pola Bicicleta concede anualmente ás administracións públicas que impulsan proxectos, iniciativas ou accións destinadas a fomentar e facilitar o uso cotiá da bicicleta, pero tamén son unha oportunidade para coñecer boas prácticas estatais que teñen a bicicleta como denominador común, tal e como destacaron dende o goberno local.

Aos premios deste ano presentáronse 39 candidaturas das que o xurado seleccionou ás mellor valoradas en cada unha das oito categorías previstas nas bases. En total son 17 os proxectos finalistas (15 cidades e dúas deputacións), entre os que se atopa o de Vilagarcía de Arousa. Todas elas recibirán a correspondente distinción nunha gala que se celebrará en Sevilla o próximo 2 de marzo, no marco do III Encontro da Bicicleta Urbana. Na gala de entrega dos Premios tamén se anunciará cal é a candidatura gañadora de cada unha das categorías.

Importante promoción da cidade

Que o modelo de mobilidade que o Concello de Vilagarcía está a desenvolver nos últimos anos sexa destacado en premios como os Bikefriendly, no que a materia de uso da a bicicleta de refire, ou o concedido hai uns meses pola Rede de Cidades que Camiñan, polo traballo de humanización e recuperación de espazos urbanos para os peóns, non só avala, segundo o Goberno local, as actuacións realizadas e o modelo de cidade no seu conxunto. A selección dos proxectos de Vilagarcía entre os mellores de España "mellora a imaxe da cidade e a súa presenza nas galas dos respectivos premios conleva tamén un importante plus de promoción". Como finalista, Vilagarcía protagonizará unha presentación individual para dar a coñecer o seu proxecto e amosar a cidade en Sevilla nun acto no que, ademais de estar presentes grandes cidades e capitais de provincia, contará cunha importante repercusión mediática. Isto convérteo "nun incomparable escaparate no que darse a coñecer e promocionarse en terras andaluzas, como aconteceu hai uns meses na gala da Rede de Cidades que Camiñan celebrada en Palma de Mallorca".