Vilagarcía esixirá o pago de 800.000 euros á concesionaria do parking Xoán XXIII

Ravella tamén solicitará a compañía preto de 300.000 euros en concepto de canon, impostos, recargos e intereses
Interior del parking Xoan XXIII de Vilagarcía.JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Interior do parking Xoán XXIII de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía esixirá á empresa Proinsa, concesionaria do párking Xoán XXIII, o pago dunha indemnización de preto de 800.000 euros dos 1,2 millóns que fan falla para recuperar a instalación. O Goberno local tamén pedirá á compañía os 295.000 euros que debe en concepto de canon, impostos, recargos e intereses. Estas propostas serán presentadas na sesión plenaria da próxima semana.

Dende o Goberno de Vilagarcía aseguraron que "o Concello en ningún caso deberá indemnizar a Proinsa, posto que esta renunciou expresamente a tal eventualidade no propio contrato de concesión".

Para os funcionarios municipais, a actual situación de liquidación acadada no concurso de acredores de Proinsa é equivalente a unha creba e, segundo trasladaron dende Ravella, "o Concello e Proinsa pactaron libremente que non habería dereito a indemnización en caso de creba".

Segundo se relata nos antecedentes do asunto a debater no Pleno, as únicas obras de mantemento que fixo a concesionaria dende a firma do contrato en 2003 tiveron un presuposto de 16.000 euros, destinados a tarefas de impermeabilización, limpeza e saneamento de partes afectadas. O Goberno local apunta que "un técnico independente sitúa as obras necesarias en 797.000. Segundo os cáculos técnicos, o parking ten un valor de 3.666.766 euros".

Se a proposta da Alcaldía supera o trámite plenario, o procedemento de liquidación terá tres meses para ser elaborado. Proinsa, o Banco de Santander -co que a empresa fixo a hipoteca- e as persoas que figuran como titulares de dereitos e cargas no Rexistro da Propiedade terán dez días para presentar alegacións. Non obstante, dende Ravella aseguran que todo o que suceda neste proceso "en nada afectará á decisión xa firme da asunción da xestión directa do parking polo Concello2.