Vilagarcía encarga o proxecto para dotar á Praza de Abastos de enerxía fotovoltaica

A obra enmárcase na liña de investimentos destinada a medidas de sustentabilidade e eficiencia enerxética nas instalacións públicas
Reciente visita ao mercado do alcalde, Alberto Varela, e o vicepresidente da Xunta, Francisco Conde. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Reciente visita ao mercado do alcalde, Alberto Varela, e o vicepresidente da Xunta, Francisco Conde. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A modernización da Praza de Abastos en termos de sustentabilidade continúa cunha nova actuación promovida pola Concellería de Promoción Económica e Mercados: a instalación de sistemas de enerxía fotovoltaica para cubrir as necesidades do mercado municipal. O primeiro paso vénse de dar coa adxudicación da redacción do proxecto. O contrato fírmase por importe de 3.980 euros e inclúe a dirección de obra e a coordinación de seguridade e saúde.

O acordo apunta outras dúas obrigas: a realización do certificado de cargas dos paneis na cuberta da praza e a xestión do punto de acceso de conexión da instalación coa infraestrutura da empresa distribuidora.

A instalación de placas solares é unha das medidas que se vai a levar a cabo a través do programa Vilagarcía Viva co que o Concello participa nos fondos europeos Next Generation, cuxo obxectivo é modernizar e dinamizar o comercio de proximidade mediante actuacións de apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtos de comercialización.

A obra enmárcase na liña de investimentos destinada a medidas de sustentabilidade e eficiencia enerxética que permitan aos edificios e instalacións públicas axustarse aos requisitos medioambientais e enerxéticos que se marcan dende Europa.

A adxudicataria debe entregar o proxecto antes de que finalice este mes. Será entón cando se coñezan as características e alcance das obras a realizar, o efecto que terán no consumo de enerxía da Praza de Abastos e tamén o custe da actuación. A intención é sacar a licitación os traballos coa maior brevidade posible.