Vilagarcía encarga o deseño para recuperar a fachada marítima na zona do Ramal

O proxecto unirá o Parque Miguel Hernández co paseo marítimo e a praia da Concha mediante un corredor verde
Gente paseando por Vilagarcía. JOSE LUIZ OUBIÑA
photo_camera Vilagarciáns no paseo marítimo durante o pasado verán. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A conta atrás para converter en realidade a ansiada aspiración de volver a abrir Vilagarcía ao mar e de recuperar a privilexiada zona do Ramal para o uso de disfrute público da cidadanía vén de comezar. A Xunta de Goberno Local adxudicou a redacción do proxecto para "renaturalizar" a parcela municipal situada entre o Parque Miguel Hernández e a Praia da Concha. O arquitecto Manuel Tanoira será o encargado de deseñar a intervención nos 6.800 metros cadrados que o Concello adquiriu á Autoridade Portuaria para continuar recuperando a fachada marítima da cidade. O contrato adxudicouse por importe de 14.824 euros (máis IVE).

O obxectivo da iniciativa do goberno de Alberto Varela, ademais de crear unha nova zona verde de esparexemento, é unir mediante solución de continuidade e de forma segura o parque Miguel Hernández coa praia da Concha -unha zona atravesada polo tráfico rodado da avenida Rivero de Aguilar-, así como conectar de forma atractiva o paseo do peirao deportivo co paseo marítimo. Deste xeito integrarase na cidade un espazo que nunca estivo incorporado e cuxa estética actual afea un espazo privilexiado polo seu emprazamento e a súa contorna.

Así, a intervención deberá axustar se aos principios de benestar, accesibilidade, conectividade e sustentabilidade. En base a isto, o novo espazo debe ter en conta a natureza nodal da parcela e os diversos usos que se dan nela. Por iso, por un lado terá que aportar solucións aos distintos xeitos de mobilidade, así como prever as conexións entre a estación de ferrocarril e a futura estación marítima proxectada no peirao do Ramal. E pola outra banda, configurarse como lugar de encontro e espazo urbano flexible e multiusos, que permita desenvolver nel todo tipo de actividades. Ademais da presenza de vexetación, tamén deberá prever zoas de permeabilidade no solo.